Opinión

O triple ce

Poño este título porque poñer en grande “carallo, coño e culo” paréceme un pouco forte, e con letra pequena pois parece que lles disimula algo. E disimulen vostedes, como din os vellos para pedir desculpas, porque vou ir por un tema algo de fronteira, como é o da linguaxe soez. O outro venres, fixo onte unha semana, seica se produciu no pleno municipal unha situación bastante cómica. Unha concelleira da oposición dirixíndose ao grupo de goberno urxiunos a traballar máis, polo que lles dixo: "No mueven el culo del asiento”, o que motivou que o alcalde lle chamase a atención polas palabras usadas. E a concelleira seica retrucou conque antes outros utilizaran “coño” e “carallo” e que non lles dixera nada.

O nivel de discusión nos plenos parece estar decaendo. A verdade é que “carallo” e “coño” poden ser expresións por si mesmas, e absolutamente equivalentes. Unha en galego e outra en castelán. Nalgunha ocasión expliqueilles a inversión dos termos entre as linguas no plano metafórico: carallo, en castelán, dise coño; e o carajo do castelán dise en galego cona. Si, está claro: as formas máis usuais dos palabróns, as palabrotas máis brandas e toleradas, son as primeiras; carallo en galego e coño en castelán. Entrementres, o carajo do castelán e o cona do galego, son máis fortes e asustan, case, aos cidadáns máis comedidos. Un que use todos os rexistros da lingua -que sempre hai xente ben educada que non o fai- debe estar moito máis enfadado para exclamar “cona!” que para dicir “carallo!”. E xusto o contrario en castelán onde “coño!” é expresión moito máis popular e suave que “carajo!”. Repito esta argumentación en descargo dos concelleiros que, aínda que usando unha linguaxe pública inaxeitada, utilizan as formas suaves en ambas as linguas oficiais e non as consideradas como máis brutas.

Pero a palabra “cu” -ou “culo” en castelán- non ten esa mesma personalidade. É un simple substantivo común, posuidor dunha carga semántica determinada, pero ao que lle falta un contexto comunicativo máis amplo para realizarse nun enunciado con significado completo. Así “carallo!” ou “coño!” son, no seu sentido non lineal, expresións independentes que reforzan -excesivamente, ao meu ver- determinados discursos, sobre todo en xente con escaseza de recursos dialécticos, algo que non debería acontecer no mundo da representación política; pero ninguén exclama nunca “cu!” ou “culo!”, a secas, cando se enfada. Ou sexa, claramente eses “coños” ou eses “carallos” citados no pleno municipal, digamos que teñen vida de seu, son impersoais, sen dono, e non fan referencia a partes pudendas de ningún concelleiro ou concelleira determinado. Pola contra, cando alguén di “muevan el culo”, si que refire a unhas nádegas concretas; neste caso, alúdese ás pertencentes ás mulleres e homes integrantes do grupo de goberno. De aí que o alcalde lle chamase a atención á concelleira opositora. Por alusións.

En fin, que moitos cidadáns estamos algo atónitos. Dicían os vellos que “cando o demo non ten que facer, espanta moscas co rabo”. E, precisamente así, “rabo”, é como os veciños portugueses denominan familiarmente o cu.

Te puede interesar