Opinión

Trump e as prohibicións de entrada

A min Donald Trump non me cae ben. Non creo que poida ter cabeciña nin para mandar na comunidade de veciños un tipo que usa esas gravatas tan desproporcionadamente longas, con pelo fosforito e que xesticula como un pallaso. A verdade, paréceme todo el un pallaso. Un irmán maior de Fofito. Pato Donald Trump, de nome artístico, podía ser. E presentarse como primo do Tío Gilito. Pero, claro, pode cambiar; outros evolucionan de aprendices de xardineiro a especialistas en seguridade das eléctricas ou de líderes vociferantes de rúa a practicantes da política de “sácate tu que me poño eu”. Si. Todo o mundo pode cambiar. A mellor ou a peor. En fin, como ben sabemos, a democracia garante sobre todo que a xente non teña mellores gobernantes dos que merece e, se cadra, non merecen nada mellor os norteamericanos, aínda que me parece raro, pois os que coñezo cáenme ben. E vexo a Trump con vocación equina equivocada, pois a pesar de que intente entrar no goberno como un cabalo nunha cacharrería, é bípedo. En fin. Que a súa medida de impedir a entrada a cidadáns de non sei cantos países musulmáns parece un erro de vulto. Explícome. De obviar a referencia ás crenzas relixiosas e dicir que non quere que entren cidadáns de países en guerra, pois non habería esa contestación. O mesmo fai Azerbaixán cos veciños de Armenia, por exemplo. Ou ainda máis fácil, en plan Conde de Romanones, deixar a lei como está e facer un regulamento “ad hoc” de control máximo de entrada. 

E eu, conste, simpatizo cos que non poden entrar, porque -isto une moito- teño eu prohibida a entrada a varios países. Non persoalmente, non lembro terlles feito nada malo, é máis, non lembro ter estado nunca en ningún deles. Pero, por normais, teño prohibida a entrada en Irán, Kuwait, Líbano, Libia, Arabia Saudí, Sudán, Siria e Yemen; cousa que, por outra parte, non me impide conciliar o sono. E por que non me deixarían entrar? Pois polo simple feito de ter un selo do Estado de Israel estampado no meu pasaporte. E se eu non podo, non lles conto os cidadáns de Israel que non poden ir a case ningún país de maioría musulmá, nin sequera “en transito” nos aeroportos. (Tampouco os vexo moi preocupados.) E non porque llo impida o seu pasaporte, senón porque, no mellor dos casos, non os deixarían entrar. Lembremos os nosos vellos pasaportes predemocráticos que puñan: “Válido para todos los países del mundo excepto la URSS...” e un etcétera que foi devecendo cos anos. Algo de impedimento parecido lles pasa hoxe aos cidadáns de medio mundo musulmán que levan no seu pasaporte a indicación: “This passport is valid for all coutries of the world expect Israel”. Estratexias estrañas para achanzar camiños á paz. 

De todas maneiras, a prohibición máis simpática en pasaporte foi a que levaron os membros da familia real dos Hasburgo, cando ao remate de I Guerra Mundial os puxeron na fronteira Suíza, logo de ser proclamada a república en Austria. Déronlles cadanseu pasaporte da nova república de Austria no que, obviamente, se lles recoñecía a nacionalidade, pero indicaba que o documento era: “Válido para viaxar a todos os países do mundo, excepto Austria”. Elegante, moi vienesa, patada no cu. 

Te puede interesar