Opinión

Un cambio de opinión

A min, en xeral, paréceme ben que as persoas cambien de opinión. Os enroques de dicir “eu sempre dixen”... fánseme preocupantes porque co que cambia o mundo, mala é a falla de elasticidade; somos libres. Pero os cambio de opinión dos colectivos humanos adoitan ser menores e máis lentos. Un crente faise agnóstico ou ateo case dun día para outro, pero mal andariamos se alguén pensase que a Igrexa pode, nalgún momento, facer tal.

En fin alguén, non quero lembrar quen, pero tanto ten para o caso, contoume unha historia que ten que ver co cambio de postura socialista no tema da Comisión de Investigación parlamentaria do accidente do Alvia. Quedei preocupado.

Lembrábame que así que aconteceu a calamidade, atendidos os feridos e identificados os falecidos -o contrario ao retraso inglés, por certo- e despois de iniciada a intervención xudicial, uns deputados pediran unha Comisión de Investigación política. Pero había en contra da creación da comisión cinco ideas que xurdiron na reflexión de moitos. A primeira, a evidencia de que o condutor ía distraído -por certo, falando cun supervisor que ía noutro vagón- a 192 quilómetros por hora a menos de dous quilómetros da estación de chegada. A segunda que xa se iniciaran os procedementos xudiciais que depurarían responsabilidades como fan os tribunais nos estados de dereito, ou sexa, que se faría independentemente das interferencias políticas. E conectada con esta, a terceira, que máis alá da atención total e inmediata ás vítimas, estaría a fixación xudicial das indemnizacións a feridos ou a familiares dos falecidos, o máis alta que se puidese, porque, tristemente, pouco máis se podía facer por eles. A cuarta era a realidade de España estar vendendo a construción de liñas AVE polo mundo adiante, polo que con sentido de estado, contribuír a poñer en dúbida a seguridade, sería moi negativo para os intereses comerciais, laborais de moitos e de proxección do país. E a quinta era que na inauguración, no vagón de autoridades, estiveran os responsables da construción -goberno central- xunto cos responsables da administración autonómica. Daquela promovela sería como cuspir ao ceo, pois é ben sabido as comisións parlamentarias non as forman xuíces que se deben á xustiza, senón políticos que se deben ao xogo propio. 

E cal destas cinco premisas cambiou para que o PSOE dese un xiro de 1800 e apoie agora esa comisión parlamentaria? Disque ningunha. Pero sinálase, seica, unha razón externa. Falan duns uns estrategas sanchistas -soa Odón Elorza- que decidiran, como vendeta polo apoio de Pepe Blanco a Susana Díaz nas últimas internas do PSOE, sentalo diante dun “tribunal popular”.

A desmentilo non axuda o silencio dos responsables socialistas sobre o tema. E sería triste que fose unha cuestión de xenreiras internas a raíz da creación desa comisión, porque os feitos parecen claros e o reparto de responsabilidades, insisto, débeo establecer o xuíz, que para iso é o representante do terceiro poder, independente e presuntamente sen “intereses políticos” nun sentido ou noutro. Creo.

Te puede interesar