Opinión

Un home elegante

Sempre que penso en Albor venme á cabeza a imaxe dun día de calor inmisericorde na Festa de Trasalba. Viñan desde o aparcamento ao lado da igrexa e de cara ao pazo.  Isaac Díaz Pardo, cunha especie de bata gris que gastaba, como dependente de ferretería,  desdentado naqueles días, levaba un pano con catro nós nas esquinas posto na cabeza para tornar o sol. Ao lado, ergueito, como un mundo, Xerardo Fernández Albor gastaba traxe azul, zapatos negros, gravata e andaba con paso firme e tranquilo. Isaac revirávase mirábao para arriba, buscándolle os ollos para comentarlle calquera cousa. Comentoulla e Xerardo seguiu camiño. 

Se cadra era 1983 ou 84. Daquela, como sabemos, construíndo a autonomía, e Xerardo asistía a todos os actos, por moi modestos que fosen, para facer prédica de país. Moita xente viu por primeira vez a un señor con todas as da lei, descoñecido, pero que falaba en galego e das cousas de Galicia na súa figura. Era época na que unha boa parte do nacionalismo non aceptara aínda o réxime democrático e atacaba virulentamente todo o que cheirase a normalización, especialmente se ía tinguido de galeguismo do que se crían monopolizadores. Así, tivo que aturar, diría que coa displicencia dos señores, o cualificativo de “merendiñas”. Tivo que aturar a bronca da traída dos restos de Catelao decidida polo Parlamento Galego a instancia dun deputado nacionalista minoritario, como era Camílo Nogueira. A época era tamén moi avolta e el estivo firme onde cría que tiña que estar: facendo país.

O primeiro presidente da autonomía de Galicia, un orgullo que todos entendemos. Así procurou facer “misión” coas súas viaxes pola Galicia territorial e pola americana, explicando que un novo tempo se albiscaba para o país e que todos tiñan que estar aí. Eu debín de oírlle unha ducia de discursos no inverno austral de 1987 e ben vin como a xente empatizaba coas súas palabras. En fin, creo que vivir cen anos lúcido e comprometido coa terra onde naciches é todo o que se pode pedir. Que a terra lle sexa leve, don Xerardo. 

Te puede interesar