Opinión

Un problema de bandeiras

Sempre digo que as bandeiras son bonitas en diversidade. Por iso me gustan máis as do paseo de Elduayen en Baiona cás das gasolineiras ou manifestacións, que tenden a ser todas aburridas e iguais. E gústanme máis as multicolores de raros países do Caribe, África ou Oceanía, cá Unión Jack británica, cás estreladas americana ou catalá; cás tricolores ou bicolores españolas, italiana, francesa, etc. En calquera caso, lembro ter comprado tres bandeiras. Dúas en Italia. A primeira, hai décadas en Siena, a de “La contrada sovrana dell’Istrice”, un equipo do Palio, ese deporte medieval no que os cabalos esvaran na súa praza maior en forma de cuncha inclinada.

A segunda, tamén hai moitos anos, a finais dos setenta ou principios dos oitenta, coas cores do arco iris ou da vella, segundo prefiramos a forma popular ou a culta, compreina no miradoiro sobre Florencia do Piazzale Michelángelo. Gustábanme, non sabía de onde era, pero pensaba que debía ser algo fermoso, tipo ecoloxía, festa da natureza ou así. Cando me enterei que era a do orgullo gay, fíxome graza, e pensei que algo diso, de erótico-festivo, había, e lembrei a cara estrañada do vendedor, se cadra porque a comprara enganchetado dunha moza.

Ao comprar a terceira, en Xerusalén, en 2009, o vendedor saíu a abrazarme. Emocionábase porque un turista quixese comprar unha bandeira. Un pesado de negro, sombreiro e gabán. Eu comprábaa por simpatía co país e como souvenir barato -made in China, supoño- e, que cousas, alivioume os trámites da aduana: o abrírenme a maleta e vérena por riba da roupa, os policías sorriron e mandaron pasar. E dentro da miña distancia do mundo bandeiril, a galega, como a arxentina, israelí e uruguaia, gústanme porque as cores branca de paz e azul de ceo parécenme cousa bonita. E por iso me molestan carrachas ou estrelas con puntas que pinchan de cor do sangue. Nada, nada: limpa e clara.

En fin, vostede, seguramente, igual ca min, non sabe nada do decreto 2335/1980, nin falta que lle fai, porque, por sorte, para andar pola vida non nos rexemos por leis senón polo instinto e sentido común. Pero ás veces, non chega. Cóntolles algo que leo na rede e que pasou hai xa uns meses. Resulta que a un pesqueiro galego, Cabo de Hornos II, abríronlle un expediente en Santoña, Cantabria, por levar izada unha bandeira galega de igual tamaño que a española na cima do barco. Os sensatos razoamentos do seu capitán, Manuel Iglesias, non tiveron éxito. Dicía que do mesmo tamaño porque “Galicia, amor de nai, España, amor de pai” por iso eran iguais, e que en todos os edificios oficiais e despachos, vira sempre bandeiras de igual tamaño, sen problema. Pero aínda así ferráronlle 150 euros de multa. Puido ter sido peor, porque a lei contempla, seica, ata 150.000. Pagounos rosmando pero non quixo facer ningún casus belli especial, e morreu o conto. E como dicía o de “amor de nai, amor de pai” pois tampouco foi cousa de faceren del “bandeira nacionalista” os tales. En fin, o decreto 2335/1980 di, si, que as bandeira autonómicas dos barcos non deben de ter máis de1/3 do tamaño da española e iren en lugar secundario.

A min paréceme que os razoamentos do home son máis lóxicos cós do decreto aínda que teñan menos forza legal. Desde logo con multas así, inda pequenas, non se fan amigos. O sector téxtil sempre dá problemas.

Te puede interesar