Opinión

Un vrau fresco e enxoito

Gústame a palabra “vrau”, propia de nós. Moito máis que o “verán” normativo para todos e que sinto pouco miña, por moito que sexa maioritaria en Galicia. E para evocar a necesidade de permanencia da cadea da fala, de que cada un de nós manteñamos ese fío dos tempos recuados co que se teceu o tesouro léxico de cada grupo, teño o pracer de usala arestora sen que isto supoña separarme nin unha areixa dos principios normativos inherentes a calquera lingua normalizada para usos comúns. Pero falando nun xornal de Ourense e, fundamentalmente para ourensáns, compráceme tomarme esta licenza localista. Vrau.

Digo que é un vrau raro, porque nos días precedentes a este, calor ningún, aquí na case ourensá Praia América. Claro que cando saian publicadas estas palabras, non sei se estaremos ben esturruxadiños por Ourense ou quentiños na costa, pero abofé que non tanto como outros anos. Vrau fresco e enxoito, como aparentemente están as carballeiras do país. Nunca tal se viu, follas murchas, reviradas, secas, como se fose outono avanzado nos principios de agosto. Polo menos nunca tal eu vin nos meus anos vividos. O bichoco ese, un tipo de escaravello, altica, chámase, disque non é mortal para o carballo. Pero secándolle as follas fai que respire mal, e, supoño, a súa saúde reséntese. En fin, cousas da seca (pretinaz sequía, chamábase con Franco) que vai e vén un ano se cadra si e o outro xa veremos. Como saben, non lles son negador do cambio climático, pero tampouco afirmador. Cando estudaba prehistoria interrogábame sobre o porqué da alternancia de períodos glaciais e interglaciais e, a verdade, aínda non teño resposta. Pouco probable parece unha industrialización excesiva na época dos dinosaurios, ou nos comezos da última grande glaciación, aquela que axudou a extinguir aos primos neardentais, porque nós, sapiens sapiens, eramos, en xeral, aínda que sempre hai excepcións, máis espabilados. Nin se entende a pequena idade do xelo que extinguiu o cultivo de viño romano en Inglaterra e que se prolongou ata as primeiras décadas do século XIX, cando deixou de haber neves perpetuas -ou case- no alto do Rodicio. En fin, ninguén pode negar o cambio do medio natural. A saturación de construcións na costa desde hai cincuenta anos para aquí, é algo tan evidente como que hai cincuenta anos eramos cincuenta anos máis novos. Inflúen este cambio no medio natural na climatoloxía? Supoño que si, pero non creo que nunha vida teñamos perspectiva, e non todo debe ser acción humana. O feito de que este ano viñese o vrau sen auga nin ventos, fai que as electricidade limpa, de hidroeléctricas franquistas ou eólicas democráticas, estean baixo mínimos e haxa que recorrer a queimar combustibles fósiles para producila. E, seguramente contamínase máis, nun par de días coa queima de carbón para este fin, que os coches todos do país en varios meses. E os coches eléctricos, en fin... Se teñen que producir con carbón a electricidade que usan, pois vaiche boa o de coches “verdes”.

E para facer o vrau de verdade, como os de antes, levo sen acender a televisión máis de vinte días e sen ler xornal ningún outro tanto. E non se está nada mal. Nada. Sigo desconectado. Punto.

Te puede interesar