Opinión

Unha exposición precisa

Cataluña? Mmmmm. Non. Estou cheo; sobredose. Incendios? Uff. Trama ou non trama? Eu, sinceramente, creo que é máis cousa da urdime, o máis fondo, esa que como vostedes saben, está composta polo fíos grosos básicos e fíxos sobre os que se tecen outros fíos, a trama. Pero, a verdade, tampouco me seduce nada o tema. O certo é que non sei por onde entrar no artigo de hoxe. Dígolles a verdade, aproveitando o soliciño do mediodía –cousa boa tiña que ter a “pertinaz seca”- á hora de xantar, estes días, cobízame facelo fóra, ao aire libre, tamén por non ver os telexornais. Pero claro, a información arestora desacougada e desacougante, acaba turrando por un. Non me imaxinar un Ulster, entre nós. Moita leña, moita fractura social, moitos anos de sufrimento, alá, total para que? Para nada. 

Así que prefiro insistir e desenvolver unha idea miña que se cadra alguén con máis agarradeiras ou posibilidades pode aproveitar, e non darlle voltas e reviravoltas a manidos temas nos que, a verdade, cada un fai xa as súas composicóns de lugar e as súas opinións. Non mareemos a perdiz. Imos a outra cousa. 

Voulles falar da conveniencia de organizar unha grande exposición –pero grande, grande- en Gaiás sobre as Cantigas de Santa María e o seu tempo. Cóntolles como o vexo. As cantigas de Santa María son un dos monumentos máis importantes da cultura medieval europea. Coñecémolas por catro códices que se conservan da segunda metade do século XIII. Tres en España e un en Italia. Algún ten só letra, no que se recollen as cantigas propiamente ditas, narrando milagros de todo o orbe cristián, e outras líricas, de exaltación da Virxe, pero outros teñen música e debuxos.

Os de España están, un na Biblioteca Nacional e dous na do Escorial. As miniaturas dun destes, do “rico” constitúen unha auténtica reportaxe gráfica da época, como lle oín ducias de veces a Xoaquín Lorenzo. Tíña o Códice Rico en tanta estima o Rei Sabio que fala del no seu testamento e o usa como protagonista dun milagre persoal. E foi feito, e aí imos ao tema, na súa corte culta de Toledo. Si. eran arte áulica, de corte, só ao redor do monarca. E de Toledo, algún pasou a Sevilla. E de Sevilla a Florencia, o Escorial ou Madrid. En fin, que nunca ningún dos catro exemplares respirou aires galegos. 

E eu afirmo que estando tres deles en mans do Estado español e outro en mans do Estado italiano, non sería nada difícil montar unha exposición na que por primeira vez na historia se visen xuntos os catro códices. E que o fixesen en Terra Galega, na Cidade da Cultura, por exemplo. Ademais, hoxe, que fosen elaborados en lingua galega en Toledo, por un rei de Castela e León e o seu equipo, e que os milagres se refiran non só a toda España -moitos máis a Andalucía que a Galicia- senón a todo o mundo coñecido daquela, desde Londres a Xerusalém, desde Armenia a Bizancio, pois son cousas especialmente atractivas e de necesario coñecemento. Nunca a cultura galega estivo repregada sobre si mesma. Desde a orixe, aberta e dinámica.

Complementariamente, claro, unha exposición con pouco texto e moita imaxe: reproducións das miniaturas, música das cantigas, pezas arqueolóxicas relacionadas, vestimentas, armas, instrumetnos, mapas da xeografía dos milagres, repaso ás construcións románicas e góticas do país, etc. etc. Programa de TV anexo, etc. E convidarmos, especialmente aos alumnos de Galicia e de Portugal. Para que pensen ben de nós. Que sempre está ben,. 

Te puede interesar