Opinión

Xogo de bólas

Como o fútbol non me interesa nada, sexa masculino, feminino ou neutro, e como non sei nada do tema, aproveito sempre que se fala del (normalmente por cousas de corrupción -caso do árbitro Negreira e o Barça-, compra venda de sedes, -caso da Supercopa de España, en Arabia, cousa de Rubiales e Piqué, ou da FIFA co mundial en Qatar-, de macarrería e abusos, Rubiales de novo-, violacións, -Dani Alvés, etc.- compras ou vendas de partidos ou xogadores, directivos disparatados, etc.) aproveito para traer a conto a Juanito Monjardín, primo do meu avó, seica excelente futbolista do Real Madrid, que despois das olimpiadas de Bruselas de 1928, abandonou o fútbol, porque consideraba un insulto que pagasen por ser deportista e darlle patadas a un balón e dedicouse por enteiro ao que lle daba rde comer: corredor de Bolsa. Temía que se entraban os cartos nese ámbito deixaría de ser un deporte de señores e pasaría a ser outra cousa. Seguro que nunca cuspiu no céspede nin tratou de enganar ó árbitro. E aproveito para lembrar, tamén, a Benito Villamarín, ourensán de Puga -ben merecía unha homenaxe en Ourense e o irmandamento entre a UDO e o Betis- que non só se fixo amigo do meu outro avo, Antonio, na mili en San Francisco, senón que despois da guerra enviáballe latas de aceite e tarros de aceitonas de Sevilla, cousa que case noventa anos despois, seguimos agradecendo. Era boa xente. Antes ao redor do fútbol había boa xente. E custáballe cartos. 

E si. Claro que si. Hoxe o fútbol non é un deporte (fóra as categorías chamadas inferiores, superiores por menos contaminadas) senón unha paixón relixiosa da que algúns somos agnósticos prácticos ou ateos convencidos e un grande negocio de espabilados sen escrúpulos. E vendo tanta falla de educación -o presidente agarrando os seus atributos ou abusando de mociñas-, vendo tanto cretinismo, tanta idiotez, tanta utilización bastarda de todo o que rodea ese mundo, actualizando o vello “pan et circenses”, para desviar a atención das cousas importantes do país, non sei se sería mellor volver ao de Juanito. Ou sexa, non pagarlle aos futbolistas. E menos aos directivos. Fóra o fútbol profesional. Pois de seguir así, os árabes afogarán en dólares o que poida quedar do deporte. [Por certo, teño a peor opinión de todos eles, xogadores e adestradores, que, podres de diñeiro xa en Europa, deciden marchar a esas teocracias machistas para ver de gañar o enésimo millón de euros e compraren a enésima casa ou coche de luxo. Así afoguen de calor ou de aburrimento].

E si. Non lles estaba mal un parón. Si. Non ao fútbol profesional. Que cobren o mesmo homes que mulleres: cero euros. E o mesmo tempo de emisión nas TVs que o boxeo ou os touros. Un descansiño vénnos ben. Valores deportivos no fútbol? Non me fagan rir. Aquí si que cómpre unha revolución e derrubar un sistema podre e corrupto. E os babosos todos que aplaudían ao Rubiales, inhabilitados, coma el. O xogador que se tire en plancha para enganar ao árbitro ou que cuspa no chan, inhabilitado por mal exemplo para os nenos. 

En fin, deixo a idea no aire, sen moita esperanza de que lle fagan caso. Pero ai do escravo que non pode dicir o que pensa.

Te puede interesar