Opinión

Óscar Ibáñez, extraordinario

Oínlle varias veces dicir a Carlos Casares que cando lle preguntaban cal era o mellor escritor do mundo, respondía: “O mellor escritor do mundo son vinte”. Porque é certo, estamos afeitos a querer valorar todo como se dunha competición deportiva se tratase: campión e subcampión, terceiro clasificado, medalla de bronce, etc. E non tal. No mundo das artes, por exemplo na literatura ou música, son moitas as variables. Podemos, evidentemente, falar de escritores ou músicos malos, bos, moi bos e extraordinarios, pero pouco máis. O resto vai na sensibilidade, nos gustos, nas circunstancias, nos momentos. Por iso, non podo dicir que Óscar Ibáñez sexa o mellor gaiteiro de Galicia, porque o mellor gaiteiro de Galicia son, senón vinte, tres ou catro. E desde logo Óscar Ibáñez está na parte superior deste top do top. E o sábado pasado así nolo demostrou no Principal, cando nun marabilloso concerto colectivo de case tres horas, alí non se moveu unha alma pero si moitos pés e moitas mans. Ou tamén almas, si. Pero non para marchar, para gozar da emoción do ben feito. Do extraordinariamente feito. 

Óscar Ibáñez ademais de músico –non é que viva a música, e que é música el mesmo- demostrou ser unha excelente persoa. Só así, desde o mundo dos afectos tecidos e cultivados, se entende este xeneroso poder de convocatoria no que non aforrou loubanzas ás máis de cen persoas que o acompañaron no escenario. A desculpa era a presentación do seu disco “Alén do mar”; o feito, unha reunión de amigos entusiastas da música ao redor do seu maxisterio, porque é un mestre. E ten un mérito enorme, como poden supor, xuntar Coral de Ruada, Real Banda de Gaitas, Queixumes dos Pinos, Banda de Gaitas da Carballeira, o cantautor Emilio Rúa,  o clarinetista José L.Tielas, o trompetista Óscar López, o gaiteiro Marco Foxo e os profesores de bailes latinos Elena Marina e Nelson de Castro, xunto aos marabillosos músicos que o acompañan neste aventura de “Óscar Ibáñez e tribo”, ou sexa Fernando Fraga ao acordeón; Carlos Calviño, guitarra; Paco Dicenta, baixo; Andrés Vilan, percusión... Digamos que creo que foi un concerto redondo, outorgándolle a esa figura xeométrica sen arestas nin ángulos, a perfección. 

Óscar Ibáñez, ademais, é musicólogo, estudoso da música popular e impulsor do Arquivo Sonoro do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra, onde xuntou milleiros de gravacións musicais recollidas, tamén, nas súas viaxes como profesor de música, enviado pola Xunta, aos centros galegos de América e Europa. Saben da súa valía, directamente, como profesor, en Cuba, Venezuela –Caracas, Valencia, Puerto Ordaz-, México, Brasil, Perú, Chile, Arxentina –Buenos Aires, Mar del Plata-, Estados Unidos -Nova York, Los Ángeles-, Zurich, Xenebra... 
A verdade é que foi unha noite inesquecible. 

Unha nota tanxencial. Non creo que o favoreza a semellanza de imaxe estética con outro grande gaitero ourensán. Incluso pode confundir a algúns e facerlles pensar que se trata dun imitador ou algo así. E non. Desde logo que non. Pero un dos dous tería que cortar o pelo e engordar algo. Que miren para as mulleres: a Cristina Pato e Susana Seivane, por exemplo, non hai quen as confunda. En fin. Excelente.

Te puede interesar