Opinión

Lidia, Ana e o "edredoning" necesario

Na altura dos gobernos de Don Manuel, o PPdeG debatíase na permanente dialéctica do ser e o existir. Ser galeguistas e existir como diga Madrid ou ser como diga Madrid e existir como galegos. Don Manuel predicaba como síntese metafísica sermos a Baviera de España, pero a súa mensaxe foi mal interpretada e así, no canto de invertermos os fondos estruturais en impulsar os nosos sectores básicos, gastámolos na tarefa ímproba de gañar a sé central da Grande Orde Universal da Carne á Grella. Alleos ao hercúleo obxectivo, labregos e mariñeiros, os verdadeiros cosmopolitas do país, adaptaban, con todo a contra, a súa produción aos novos requirimentos. Abonda con que dean unha volta por peiraos como o de Porto do Son e verán a Europa real que aboia en barcos de baixura con nomes como o “Urano”, o “Commander” ou o “Bismarck II”. Ou poden preguntarse porque “John Deere” é o nome nacional mais popular. Mais O PP dende entón ten galgado moito para se arredar da fronteira da autodeterminación. Por iso agora o seu programa para a Galiza na Europa se cinxe a sentar por terceira vez nun escano a un tal Millán Mon, home providencial, taumatúrxico (e tan feito como para provocar o “amor de perdição” da Merkel).

Porén hai esperanza. Chegan ao Parlamento Europeo dúas mulleres intelixentes, de fala fermosa. Unha, a Lidia Senra, labrega de orixe e de exercicio, “CHE” magnético ao volante do tractor nas marchas campesiñas, icona pop da nosa modernidade, coñece abondo pola súa actividade de anos a prol da soberanía alimentar dos pobos o funcionamento material dunha UE dirixida polas transnacionais. A outra, a Ana Miranda, de extracción urbana, traduce o máximo rigor xunto coa máxima empatía e os seus estudos e traballo fan dela outra esperta no contido real das institucións comunitarias. Alento a certeza de que en Estrasburgo traballarán da man para nos amosar como construír o imprescindíbel entendemento político das esquerdas galegas concretado en candidaturas de Unidade Popular. Quizás comprendamos entón, de vez, que as leas nas que decote nos enguedellamos sóanlle á xente do común tan próximas e intelixíbeis como as conclusións dun debate de xesuítas dirixido e moderado pola Milá na Super Gala dun “Big Brother”. E quizá aprendamos tamén que un minuto de promiscuo e pracenteiro “edredoning” pode mais que unha vida de xenreira.

Contoume unha señora magnífica, a miña nai, que en Salamonde nos anos 40 do século XX a señora Severina ripoulle un año ao lobo das fauces. Despois foi onde o mestre, D. Ernesto, para que lle ganduxara as feridas das trabadas e das poutas do animal. Cando este se negou coseuse a si mesma nunha escena que merecería a cámara dun Ford ou dun Peckimpah. Precisamos de mulleres como Lidia e Ana que nos rescaten dos lobos que nos gobernan. Hai unha primeira tarefa: forzar aos que se din socialdemócratas a votar a prol dunha auditoría da débeda pública, separarmos a especulativa da que realmente se contraeu para necesidades sociais e condonar a primeira. Feijóo namentres pode prender a un tempo todas as nosas “churrascarías”, públicas e privadas, en loa da Troika redentora. Th, th, that´s all folks.

Te puede interesar