Opinión

A atención sanitaria, en risco

Veño dun hospital público no que está ingresada alguén, familiarmente moi próximo a min e moi querido, que está vivindo uns días moi dolorosos e difíciles. Non puiden ver a esa persoa tan benquerida, según xa ía previamente advertido, pero si puiden recibir información sobre o seu estado.

Quen me informou a tal respecto foi unha médica, nova e agradable, que transmitía a sensación de que sabía ben do que falaba e de quen falaba. Dependendo dos resultados derivados dunha punción lumbar, dunha análise dos efectos dos corticoides e dalgúns outros datos que omito por non aburrir ós lectores e respectar a intimidade da persoa que xace doente nunha cama dese hospital, dependendo deses resultados, pode que lle permitan regresar ó seu fogar ou pode que a manteñan hospitalizada.

Neste caso, no caso de manter a hospitalización, a facultativa á que me veño referindo indicoume a necesidade de que unha persoa permaneza a carón da doente, prevía comprobación do seu estado en relación co PCR que tanto se leva prodigado ó longo de xa demasiados meses. Esa persoa deberá permanecer na habitación da enferma e non se lle permitirá abandonar o seu posto de acompañante en cinco días. Así como llo conto. Ese acompañante pode ser dende un familiar próximo a unha persoa caritativa e solidaria, pero tamén alguén que necesite un diñeiro que lle proporcionaría a súa presencia, o seu encerro de cinco días nun hospital público; é dicir que a Administración delega no contribuínte, que a mantén cos seus impostos, un traballo de atención que debería estar prestando alguén coa cualificación necesaria pra poder atender en debida forma á persoa enferma.

O sistema sanitario que desfrutamos os españois foi, case que con enteira seguridade o millor do mundo, pero é de temer que estea deixando de selo dun xeito paulatino e cheo de solercia. Que sucederá cos enfermos pertencentes a unha familia sen recursos abondo pra sufragar ese traballo de vintecatro horas cotiás é unha pregunta que precisa explicacións e respostas pertinentes. As mesmas respostas que necesitaría calquera outra familia á que as súas obrigas laborais impidan a prestación dese servizo sanitario pró que non están preparados, nin pouco nin moito, na maioría dos casos.

Estaremos regresando ós tempos nos que as ordes contemplativas ou as mendicantes foron substituídas polas ordes asistenciais? A tales ordes relixiosas movías unha fe que as inducía á entrega ó coidado dos máis necesitados. Tal é o retroceso ó que estamos sendo dirixidos? Que triste papel o dun país inducido a se converter na sala de festas de Europa e nas aulas dos profesionais científicos e médicos destinados á emigración forzosa a outros países que resolven os seus problemas de modos máis eficaces que os que ultimamente vimos padecendo no noso, nuns casos por omisión, por comisión noutros. Ogallá unha reforma constitucional nos permita ós cidadáns o control que as listas pechadas nos impiden ó darlles ós partidos un poder, a uns e a outros; un poder diríase que ilimitado e imprudente causante das preocupacións por se manter nel ou en poder acceder ó seu exercicio, antes que a satisfacción das necesidades da cidadanía. Que iso é do que no fondo se trata e non se lle ve remedio.

Te puede interesar