Opinión

O equivocado camiño do idioma

O pasado mes de decembro, antes coñecido como o mes de Nadal, tróuxonos unhas cifras que non sei se cualificalas cando menos de curiosas. Con elas viñeron uns datos polos que non vimos reloucar de satisfacción a ningún persoeiro, nin persoeira, dos e das que tanto teimaron en nos convencer de que o castelán estaba en transo de desaparición nesta pequena nación cultural coñecida como Galicia.

Acabo de escribir Galicia e, coma sempre, tamén de me preguntar se debería ter escrito Galiza. Xa se sabe que é dificilísimo poñérmonos de acordo en algo algunha vez: dous nomes, dúas bandeiras, dous himnos… varias ortografías, en resume, a río revolto ganancia de pescadores. Van ganando. 

A cifra á que fixen alusión hai unhas poucas liñas era máis ben un conxunto delas, un feixe de porcentaxes; en resume, unhas porcentaxes indicadoras dun dato que fará reloucar de satisfacción a esa xente tan pouco respectuosa coa realidade que nos goberna. O son en moita maior medida da normalmente admitida. 

Por primeira vez na historia de Galicia o número de galego falantes é inferior ó de castelán falantes. Agardemos que a real ou suposta integridade intelectual, a moral e maila ética persoal da xente que leva anos sinalando a persecución sufrida neste país polo idioma de Castela; ou sexa, os mesmos que, ó tempo delas, da ética e da moral controvertidas nos advertiu, demonizándonos a case que todos, do perigo da extinción do castelán no noso país, o que xa é ter imaxinación ou mala baba, se o prefiren. Esa xente, a partires de xa, que non nos volva, nunca máis, coa cantata coa que nos viu martirizando ó longo de xa demasiados anos. Cando menos que calen, que permanezan calados mentres se restregan as mans. Porque pedirlles que se retracten publicamente acaso sería pedirlles demasiado. Limitémonos a rogarlles que polo menos estean calados no futuro.

Que é o que sucede pra que, tendo como temos maiores instrumentos dos que nunca dispuxemos -editoriais, emisoras de radio e de televisión, xornais, capacidade lexislativa ó respecto, docencia ó respecto, fundacións, orzamentos públicos aplicados (ou aplicables) ós mesmos e oportunos efectos, institucións públicas e privadas, non a esgalla, pero si normalmente dotadas-, a cousa vaia como vai o uso da nosa lingua diminúa paseniña e solermiñamente.

Pregúntoo, unha vez máis, porque algúns levamos anos facéndoo sen obter máis que críticas asañadas feitas a partires, non se sabe se da convicción ou da consigna ditada consistente en afirmar que “hai que falar en positivo pra que xente se entusiasme e non renuncie ó uso do galego”. Pregúntoo porque a culpa non é so “de Madrí” senón que unha parte dela, en proporción a determinar, ven sendo da nosa responsabilidade. 

Algo vimos facendo mal; aqueles que nos atrevemos a sinalalo teimudamente, non o faciamos dende a deslealdade, senón mesmo ó contrario dende a máis rigorosa lealdade. Dende a promulgación, na primeira lexislatura do noso Parlamento de Galicia da Lei de Normalización Lingüística (Lei 3/1983 do 15 de xuño dese ano) aprobada por unanimidade da Cámara lexislativa galega, nunca, é dicir, nunca, esta lei foi aplicada non en todo o seu rigor pero cando menos co mínimo rigor exixible. Cada vez que xurdía a conversación con algún compañeiro escritor ou con algún inspector de ensino responsabilizados precisamente da observación do cumprimento da lei, respondían que non había que forzar, que non era conveniente forzar a discrepancia e non minto se recordo que a piques estivo de ser aprobada no Parlamento unha proposición non de lei dun grupo político na que se establecía a posibilidade de que, nos exames de acceso á universidade, os exames de galego puideran ser escritos en tres ortografías distintas, sinxelo método de tolear á xente e inducila ó abandono dun uso secular agora abatido en non poucas oportunidades por despropósitos cometidos por aqueles que deberan estar máis atentos ós intereses do país que ós dos seus partidos ou, se prefiren dicilo doutro xeito, dos que utilizaron o galego coma un arma política arreboladiza coa que bater nos adversarios políticos polo simple feito de selo.

Con tantas duplicidades, con tantas diversidades, pese ó feito de que a citada lei fora aprobada por unanimidade da Cámara lexislativa galega (a única vez en toda aquela lexislatura na que resoaron aplausos no Parlamento de Galicia) non se aportou ó conxunto da nosa sociedade galego falante máis que confusión e dúbidas, dúbidas e confusión, que provocaron o paulatino abandono dunha lingua que tendo pertencido a maioría do pobo galego, parecía ser cousa propia unicamente de lingüistas e académicos, de escritores e poetas.

Non é momento de sinalar a aqueles escritores, nin tampouco ós inspectores de galego, que argumentaron como queda indicado; pero si o é de considerar se o camiño seguido foi un camiño equivocado. Xa se sabe que os idiomas, como as persoas e como calquera outro elemento vivo, nace, medra, se reproduce e morre.

É posible que, de xeito lamentable, a situación da nosa lingua emprendese nestes anos o camiño final da súa traxectoria. Se somos conscientes do que o cambio climático, pode acabar significando, non nos ha ser tal difícil considerar esta posibilidade e ocuparnos en demorala o maior tempo posible. Non por nada, senón porque é nosa e porque a amamos. Amámola non por nada senón porque nos anainaron nela e nela escoitamos falar ós nosos país e con ela aprendemos a comprender o mundo e ocupalo.

É posible que o galego estea esmorecendo, tan posible como que é evidente, pero se ha morrer, se ha ser unha lingua morta que esa súa extinción sexa debida a unha morte morrida e non a unha morte matada debida, en grande parte, non as nosas mans senón a inoperancia delas. Para unha persoa medio século transcorre nun suspiro, para un pobo, para unha cultura ese mesmo tempo non é nada. Ese espazo de tempo é o que nos separa do derradeiro desexo de Álvaro Cunqueiro que non ha ser necesario recordar.

Te puede interesar