Opinión

Isto non pinta ben, necesitamos palabras


A convicción de que a realidade existe porque existimos nós ten xa algúns séculos de vixencia. O mesmo sucede coa afirmación de que a mesma realidade a construímos a base de palabras. Quizás por iso e de vez en cando as palabras cobren un novo sentido cada certo tempo. Hai anos, cando me daba por andar a fisgar na evolución delas, das palabras, pra se axustar ás realidades por vir, dubidei sempre dese aserto. Creo que o fixen así en defensa propia. Os días ós que me refiro cando afirmo que pescudaba os significados das palabras, antecederon a outros nos que eses significados implicaron formas de pensar, sentimentos a defender e realidades construídas a partir da evolución dos significados. Por iso é necesario contextualizar nun tempo concreto aquilo que estás pretendendo entender dándolle a cada palabra, mesmo tamén a cada frase, o valor que tiña cando foi pronunciada ou escrita.

O que se nos di no Novo Testamento, por exemplo, acada un valor distinto si a afirmacións de Xesús de Nazaret son interpretadas co valor e co significado que tiñan entre os xudeus do seu tempo. Pra non me meter en xardíns dos que debo permanecer á marxe non vou entrar nas lideiras que as tres relixións do “Libro” levan mantendo practicamente dende que agromaron nas conciencias colectivas; pero boa a fixeron Xehová, A Santísima Trindade e máis Alá, que son o mesmo Deus, revelándolles cousas distintas según a quen, según cando e mesmo tamén según como.

Esta algo farragosa disquisición (ou así) coa que comezo o día de hoxe, débolla a Voltaire logo de ter lido algo que deixou escrito nas súas “Memorias” e que eu traio a colación grazas á tradución que delas fixo Fernando Savater. Nelas confirma Voltaire que sempre preferiu a liberdade a calquera outra cousa e que poucos son, entre as xentes de letras, os que se comportan igual preferindo a liberdade a calquera outra opción de vida. Logo sinala que a maioría desa xente, desa xente de letras, é pobre e que a pobreza “enerva” o valor, razón esta pola que todo filósofo cortesán termina sendo tan escravo coma o primeiro oficial da coroa. E aí queda iso.

Ata o século XIX a palabra que acabo de poñer entre comiñas significaba o que logo e paulatinamente foi perdendo. En-ervar se me disimulan que o escriba así era restar, era quitarlle nervio a algo. Hoxe enervar é todo o contrario; é dotar de nervio a todo aquilo que careza del; é excitalo, dotalo da enerxía da que carece. Non sei que valor lle dará Savater e descoñezo o orixinal en francés pero non hai dúbida de que non ven sendo o mesmo que a pobreza lle reste azos ó valor senón que, ben polo contrario, o dote de todos cantos azos necesite.

Se a pobreza excita o valor comprendese millor a historia dos levantamentos populares que si o que fai é serenar os espíritos afacéndoos á moderación ou a comungar con rodas de muíño. Que difícil é que, falando a mesma lingua, ás veces nos entendamos! Máis nestes tempos nosos nos que, debido ó afán por ser brillantes e poder levar o gato electoral á auga, se pon tanto empeño, en tanta xente, por facer boas as palabras de Humpty Dumpty que da medo pensalo. Cales palabras? pois aquelas que cando, en a través do espello, indícalle el a G-Alicia no país das marabillas, que el é o dono das palabras e que estas significan o que el decida que signifiquen; o que é tanto como dicir que as cousas son e han ser como el decida que sexan. Vivimos tempos de moitos Humpty Dumpty de Deus, ou do demo, que, según gustos e colores, vai ti saber as proporcións que acadan cando, superado o proceso electoral, haxa que seguir construíndo de novo a realidade. 

Sabido é, eu así o creo, que adoita gañar as eleccións aquel que logra impoñer slogans e consignas, aquel que logra captar o sentir das xente con palabras novas. O problema é que non se ve ninguén que as innove, ninguén, que estea a crear vocabulario político senón que o que se ve é a incorporación de palabras que aparentan dar brillantez ós discursos políticos ó mesmo tempo que lle restan valor, que o enervan, e desnaturalizan. Son as vellas palabras que retornan ou as novas que as desnaturalizan ou mesmo as matan. Doutro xeito non se entenden as últimas aportacións habidas neste sentido.

Hai que topar as medidas pertinentes que atinxan a isto ou a aquilo. Topar: poñer tope? poñer límites? Tamén hai que implementar isto ou aquilo, sen dicir moi claramente o que. Implementar medidas, aplicar medidas correctoras que case que nunca se di en onde e como han ser aplicadas.

Hai corenta anos se estaba creando unha nova realidade grazas a unha capacidade de renovación non só léxica senón conceptual, Viñamos dos tempos de Franco cando esas aportacións era o franquismo (plan de estabilización, 25 anos de paz... etc) quen as facía. Logo este foi perdendo forza, según o PC comezou a falar de reconciliación nacional e da relación das forzas de cultura coas do traballo. Cando o PC perdeu forza e vixencia chegou o “Habla pueblo habla” e a UCD foi quen gobernou a Transición ata que chegou o “Cambio tranquilo” do PSOE e este país ilusionou tanto como ilusionou a case que todos.

Algo pasa agora cando non somos quen de ofrecer palabras que constrúan a realidade. Cal? A que suceda a esta e mediocre na que xa levamos vivindo tempo abondo como pra desexar outra e millor. Que sucedeu coa celebración dos corenta anos da chegada do PSOE ó poder? Que rol está tendo que aceptar Núñez Feijoo que ninguén esperaba?”. É o PP o mesmo de hai eses corenta anos? Nin a esquerda nin a dereita son as mesmas; aqueles pactan cunha extrema esquerda fragmentada mentres que, en medio de reproches, a dereita se fragmenta mentres ó grupo de Abascal saíulle un tirizó non me atrevo a dicir en que ollo, grazas a esa Macarena Molona que o fai sen a penas ter falado. A política está sendo cousa só dos políticos e non tamén da xente. Madia leva, pero a cousa non pinta nada ben. 

 Foi nun daqueles Jumbos que tiñan dous p¡sos e a sobrecargo era unha vella amiga de Pontevedra, da que eu sempre estiven medio namoriscado. Viaxamos os dous sos, na cuberta superior, dende o Río de Xaneiro ata Madrid.

Te puede interesar