Opinión

Lendo chorradas

Disque Chateaubriand é un autor que veneran as dereitas ou que cando menos é citado por elas, polas dereitas, en moita maior medida do que o é polas esquerdas. Non serei eu quen o discuta, pero recoñezo que o leo con frecuencia e que recorro a el cando sinto que, todo canto contemplo en redor miña, me supera. Serei eu de dereitas ou estarei ó servizo delas? Non se preocupen os meus lectores que o que me sucede élles o mesmo que lle sucedeu ó sobriño do indiano que recibira en herdanza un reloxo de ouro dun seu tío morto n’A Habana: o que sucede é que, como o reloxiño, teño días.

Tampouco deben preocuparse, non paga a pena facelo por cousa de tan pouca importancia, cando o que fago ó lelas e emocionarme e citar, por exemplo, a poesía de Miguel Hernández ou a de Pablo Neruda. E así sucesivamente con uns e outros autores. Estes días ando a reler a Chateaubriand por conta da lideira que se traen as dereitas coa leria do salario mínimo. Non se estrañen, pois, coa cita que ven de seguido.

“No val do Ródano atopeime cunha rapaciña case espida que bailaba coa súa cabuxa e pedíalle unha esmola a un mozo rico e ben traxeado que pasaba por alí levando diante súa un correo con galóns e dous lacaios máis detrás da súa brillante carroza. Imaxinádesvos que poida existir tal distribución da propiedade? Pensades que non xustifica os levantamentos populares?”.

As últimas consideracións feitas polos banqueiros ó respecto que comentamos, son as que me levaron de novo á relectura de Chateaubriand. Hai soldos anuais obscenos -e ganancias que tamén o son- que explican moitas reaccións e deixan en coiros ás respostas dos tíos Gilito actuais exercentes en España. Ouh, o Tío Gilito! Aquel ricachon das historietas do Pato Donald; xa saben. As reaccións, non só as do tío Gilito, senón as dalgúns perceptores deses emolumentos obscenos, moito me recordan a Shylock, o personaxe que Shakespeare retratou no “O mercader de Venecia”. Así que, hoxe, ós meus lectores, non os salva nin a caridade. 

Vou seguir con Chateaubriand e xa acabo: ”Antigamente, as revolucións foron reprimidas porque en xeral procedían das paixóns, pero non das ideas: a paixón morre como morre o corpo, a idea vive como a intelixencia; así unha paixón pode ser represada, pero non parar unha idea”. Quizás a consideración feita por Chateaubriand sexa un pouco “lírica” de máis, pero non me negarán que algo, sequera algo, nos dará que pensar a todos. A min tamén, claro.

Menos mal (élles un falar) que as redes sociais viñeron en auxilio daqueles que teñen criados con librea e non van en carrozas brillantes pero si en avionciños privados. Cando a pesca era só de baixura as reaccións públicas movidas polas paixóns, polas fes ou polos sentimentos, polas emocións, a súa represión era propia da pesca artesanal. Agora coa pesca industrial e indiscriminada lévanse por diante todo tipo de especies sen consideración ningunha. O engado, o cebo ou a carnada, como queira consideralo vostedes, aínda por riba mercámolo nós nas tendas de móbiles. E que ben o pasamos lendo chorradas que nos despisten da nosa e máis inmediata realidade ó desinformarnos.

Te puede interesar