Opinión

Máis información, máis dependencia

Un dos barcos nos que naveguei, daquela, cando o facelo era o meu oficio, a miña profesión e mesmo a miña ansia, o meu degoiro, vocación ou como queiran chamarlle, un deles, era estación meteorolóxica. 

Os máis vellos da tribo, os que vían na tele a emisión do parte do tempo, aquel programa de Mariano Medina, eses vellos, aínda recordarán o Barco K fondeado ó noroeste de Galicia, máis ou menos perto de por onde aínda está foxa Atlántico que aparecía sempre dentro dun circuliño de por onde se determinaba que andaría o anticiclón das Azores. Ese era un barco estación de meteoroloxía; o meu non, ou meu navegaba e, en condicións normais, había que enviar a posición do barco xunta co resultado da observación meteorolóxica cada catro horas; pero cando o tempo empeoraba había que enviar os datos cada dúas horas, ou cada hora e cando a cousa pintaba mal cada media hora. Imaxínese o lector curioso o traballo correspondente. Ó principio sacabas os datos consecuencias das observacións feitas, ben medidas e comprobadas. Pero pasados uns meses ollabas pró ceo, saías ó alerón e deixabas que o vento te batese e, nun plis plas, cubrías ó parte enteiro cos datos que deducías correctos. Ás veces un ramalazo de responsabilidade sacudíache a conciencia e, entón, sabas os datos do anemómetro, do barógrafo e de todo canto aparato era preciso derivalo. Cando así procedías, as máis das veces, coincidían os datos primeiros con estes novos e máis “científicos”. Seguro que hoxe sería incapaz de facer predicións como daquela, valéndome dos sentidos e mais da experiencia. É o que perdín eu e gañou o común da xente.

 Porén non estou moi seguro de que isto sexa así. Se hoxe consulto a predición no móbil ou no ordenados, a consulta é máis certa e a maiores danma por adiantado, por moi adiantado, pero estou convencido de que eu saín perdendo, non sei moi ben o que pero perdendo.

Eu son dos que cre na existencia do cambio climático, aínda que prefira chamarlle quentamento global se recordo datos como os que acabo de deixar escritos para quen teña a santa paciencia de telos lidos ata chegar eiquí. Non vexo moi claro o do cambio climático. Cando era adolescente en Pontevedra déronse anos de se ir bañar á praia no mes de novembro e era pouco menos que preceptivo volver a era o día de san Xosé rematando o fin de marzo. Recordo anos de chover seguido e anos de non chover nin gota. Vin icebergs no mar, e fun consciente de onde viñan e por que, pero o que non recordo era os casquetes polares derreténdose, os glaciares desaparecendo e todo isto que está a pasar e fuxe da miña capacidade de comprensión.

Agora en troques de ollar pró ceo e me facer unha idea do día que vai facer conecto o ordenador e de contado aparéceme na súa pantalla todo o que vai suceder nese día e a que horas completándose tales datos cos correspondentes a unha semana enteira. Millor informado estou pero, tamén sen dúbida, síntome máis probe e máis dependente, non de min mesmo, senón do que teñan a ben dicirme.

Te puede interesar