Opinión

Os monos e o pensamento cuántico

Mércores pasado din en escribir acerca dese pensamento colectivo que algúns sinalan cuántico e que algunha razón terán pra consideralo de tal xeito. Maeterlink, o dese seu e portentoso libro que describe a vida das abellas, deixou ben claro que a proba de que estas emiten xuízo é que o enxame ás veces vai e se equivoca. Victor Erice o director daquela fermosa película titulada “El espíritu de la colmena” que, sen o máis mínimo esforzo, xa ven que cousas se me ocorren, sempre relacionei coa obra de Maurice Maeterlink tamén acaba de reaparecer con outra, que aínda non vin e que moito me gustaría poder ver canto antes, pois que o tempo non está xa pra moitas dilacións desas ás que a realidade nos empuxa e o ánimo inutilmente se resiste. 

Dicíalles ou iso intentaba, abundando así na velada suxestión que quedou proposta o citado mércores, o mércores próximo pasado, tal e como se dicía antes cunha precisión que agora non se leva, dicíalles, que pasei de nesgas e pisando ovos que o pensamento colectivo, os chamados estados de opinión son consecuencia máis que probable dese estado de ánimo, así logrado, diso que se chama pensamento cuántico. Hailles (seica) cuantos de luz, cuantos de materia e, miren que cousas, cuantos de pensamento transmitido tal e como Max Planck o deseñou pra que algúns o entenderan de primeiras.

O enxame humano tamén se equivoca a miúdo, faino cada vez que se determina á euforia ou á melancolía pois hailles estados colectivos delas dúas. Mesmo o suicidio colectivo que as veces amosan algunhas seitas relixiosas pode facernos entender e aceptar que os pobos, chegados determinados estados de opinión, decidan ser gobernados por réximes totalitarios que acaben con holocaustos espantosos ou con gulags terribles; ou tamén aceptando enfrontamentos civís con tódalas consecuencias habituais nestes casos. O que non se sabe é a razón de que estes desastres e produzan. 

Os médicos dos hospitais saben ben que, ó millor durante un mes non chega un só infartado e, de repente, nun día ou nunha semana non fan máis que chegar uns tras doutros. E quen di infartados di doentes padecendo o que o noso Antón Tovar definiu como dor de calavera en vida, vulgo dor de moas. E a un accidente aéreo adoita sempre sucedelo outro ou mesmo outro mais e aínda outro. Un avión de Qantas, a compañía australiana, no que eu regresaba de Sidney prendeu lume na bodega de equipaxes e houbo que aterrar no medio e medio dunha movida que fixo pensar a máis dun que estabamos facendo de extras dunha película; pois ben, no mesmo día de agosto do ano 2002 pasoulle ó mesmo, que prendeu lume, a un avión de Iberia saíndo de Nova York. Quererán crer que o novo avión no que volvemos despegar de Sidney chegou a Singapur cun motor de menos, ó que tamén lle prendeu lume.

En San Petersburgo, durante a época soviética, había un instituto dedicado a investigar as condicións que rexían pra que se producisen estes efectos. Pasan meses sen que se produza un desastre aéreo e de repente suceden varios seguidos, como lles acabo de comentar. Nese instituto investigábanse as condicións ambientais de todo tipo reinantes durante eses tempos de catástrofes; dende as temperaturas ata os ventos reinantes, dende unha cousa a outra. O que non sei é se chegaron ou non obter interesantes resultados. Pero a algunha conclusión terían que chegar, digo eu.

Nese mesmo tempo de gulags e outros inventos prodixiosamente nefastos, tamén tiñan os soviéticos unha facultade universitaria, instalada na vella e fermosa catedral de “San Salvador enriba do sangue” erixida que foi no lugar no que fora asasinado un zar que non recordo quen era, unha facultade universitaria e un instituto dedicados a investigar e a encontrar probas científicas a cerca da non existencia de Deus. Gagarin o primeiro astronauta aportou unha: alá arriba non vira ceo ningún habitado por Deus. O ser humano a veces entretense en chorradas ben comúns.

Os gulags que, en ruso, responden ó acrónimo de “Glavnoye Upravleniye Ispravitelno-Trudovykh Lagerey”, o que en ruso ven significando “Dirección Xeral de Campos e Colonias de Traballo Correccional”, según informa o profesor Google, existiron dende 1920 ata 1980 e disque se levaron por diante a vinte millóns de presos alí enviados por Stalín, coincidindo cos campos de concentracións nazis nos que, só en xudeus, foron liquidados seis millóns deles sen maiores razóns que as de selo e coincidindo así temporalmente cos rusos que ó parecer molestaban a Stalin. Hai ocasións nas que o enxame humano se determina de xeito tan pouco loable mentres millóns e millóns de seres aplauden e se identifican tal e como se acaba de recordar. Como se transmiten, como se contaxian estas loucuras que acaban de ser recordadas, é algo que os coñecedores do pensamento cuántico intentan explicarnos grazas á existencia dunha reacción colectiva observada nunhas illas de Indonesia. 

Resulta, se ben o recordo, pois non sei onde o lin e non podo recuperalo, que unhas colonias de monos dunha desas illas descubriron que os cocos dos que se alimentaban obténdoos, no borde do mar, nas praias prodixiosas dunha daquelas illas -que, a máis dun, lle valeron pra ubicar nunha delas o paraíso terreal- estaban moto máis ricos e saborosos se os lavaban na auga do mar; debeu ser que o sal os facía máis apetitosos ou que mesmo lles facía subir a tensión arterial e grazas a elo sentirse máis áxiles e activos.

Pois ben, incomunicadas unhas illas con outras e sen posibilidades algunhas de transmisión do coñecemento recen adquirido, pouco e pouco, os monos das outras illas foron adquirindo o novo hábito recen descuberto. Como se transmitiu o coñecemento de maneira que de xeito paulatino foi sendo seguido por todas as colonias deses seres dos que din que descendemos os humanos -e haberá que aceptalo, pero deixando constancia de que uns máis que outros, de que uns son máis monos que outros- é algo relacionado co pensamento cuántico transmitido non se sabe como. Espero que se non é vero estea ben trovato. En algo haberá que entreter o tempo.

Te puede interesar