Opinión

Peligros que aínda están aí

Levo unha intensa tempada de lecturas. Non sei moi ben por que é tan intensa e aínda menos cal será a razón de que, a intensa e continuada lectura destes días, descanse sobre unha pedra que non se me antolla filosofal… pero que se lle asemella bastante. 

Xa non recordo con exactitude se comezou por un texto de Louis-Ferdinand Céline (“Guerra”) ou se por outro de Manuel Chaves Nogales (“A sangre y fuego. Héroes, bestias y mártires de España”) váleme calquera destas dúas accións primixenias xustificativas, millor dito, explicativas, dos títulos que as continuaron. Direilles cales foron algúns deles pra que se vaian facendo unha idea: “Arendt y España”, de Agustín Serrano de Haro; “El asedio de Madrid”, de Eduardo Zamacois; “Salir de noche”, de Mario Calabresi, ou mesmo “Juan Belmonte, matador de toros”, do xa citado Chaves Nogales… e así polo mesmo e impensado camiño. 

Se se fixan son libros, todos eles, referidos a conflitos bélicos, a guerras civís ou a atentados terroristas, e case todos xirando arredor dun tempo aciago no que este vello país está volvendo recordarnos o gravado de Goya; xa saben a cal me refiro, a aquel no que dos homes, presos nun lameiro, a emprenden a garrotazos entre eles. Tan só se me colou polo medio un de Bernardo Atxaga, vello amigo, que me chegou pola man de outro e común, cunha dedicatoria que moito me leva dando que pensar. Di nela que son un ermitán aínda maior ca el. Pero ese non lles era, non lles é, o caso que motiva esta xa longa introdución.

Cal é a razón que, sen pensalo, me trouxo a lecturas relacionadas, dun xeito ou doutro coa Guerra Civil española e o fixo, o fai, mentres o país grande, ese que ninguén adoita dicir o Reino de España, se axita, se mo permiten dicir, sinalaría que convulso, facéndonos recordar perigos que criamos pasados; que criamos superados e que xa vemos que non.

Créanme que non foi premeditada a escolla de tantos títulos; os libros foron chegando dun en un, en sucesivas visitas á librería de Óscar e Iría, facéndoo nestes pasados días de maio máis que nos do actual xuño, cando ventan aires dun novo enfrontamento electoral recen anunciado pra finais de xullo. No ano setenta e cinco do pasado século tamén coincidiu que, nas pantallas dos televisores, sucedese algo senón semellante si equivalente a isto de hoxe. Moitas películas de terror puidemos ver nelas; tantas foron, que recordo unha reportaxe na que se sinalaba que esa tendencia anunciaba cambios que vaia se se produciron. Estará agora sucedendo o mesmo e a oferta editorial, do xeito que queda sinalada, estará a indicarnos algo? Eu levo lido o que levo lido porque vin os libros nos trinques de novidades, non por outra razón ningunha. Que determinou ós editores a facer esa oferta que tanto me da a min que cismar en relacionala coa feita pola televisión pública nos meses anteriores a novembro do 1975? Aí lles queda pra que cismen vostedes, meus sufrintes lectores, se é que lles gusta perder o tempo, tanto como me gusta a min, nestas lideiras nas que tanto me empeño.

Te puede interesar