Opinión

Os valores políticos son os do todo vale

Moito máis a miúdo do que debera dou en cismar arredor da conveniencia, ou non, de me queixar sobre o mundo no que nos está tocando vivir. A uns tócalles máis que a outros, claro. A outros tócalle ben menos. Pero non pensen que lles son moitos.

Sucédeme así máis que nada cando reflexiono sobre outras sociedades, non poucas delas parellas á nosa, que atravesan tempos bélicos, desastres económicos de toda índole ou carecen dese gran paraugas constituído pola sanidade pública e o ensino obrigatorio e gratuíto. 

Son dos que cre que Papá Estado non debe rexer as nosas vidas dun xeito absoluto -ou, se así o prefiren, totalitario- pero si o abondo eficaz como pra poder intervir en situacións nas que (penso eu) que debe facelo; por exemplo, son dos que considera que iso do libre comercio estalles moi ben, soa bonito, pero pode conducir e conduce a inmensas situacións de obscenidade; obscenidades tales como como as actuais, derivadas do feito, nacidas da crúa realidade, de que a máis da xente non dea chegado a fin de mes, mentres que as institucións bancarias, as industrias enerxéticas e as de comunicación e algunhas outras máis e igualmente estratéxicas, tantas que sería oneroso citalas, obteñen uns beneficios que, ben certo é, resultan obscenos.

Jonathan Swift nas súas “Ideas pra sobrevivir á conxura dos necios” recórdanos que nas Sagradas Escrituras se nos advirte de que “a opresión fai tolear ó home sabio”. Disto que din as Sagradas Escrituras é do que deduce Swift que, falando en consecuencia, a única razón pola que algunhas xentes aínda non tolearon é debida a que, esa xente, non é ala moi sabia que digamos; polo que sería moi de desexar que a mesma opresión puidera aprenderlle un pouco de sabedoría ós idiotas. Ser é un bo desexo, este do crego irlandés, pero soa a desiderátum, que lle imos facer. As máis das veces as xentes non toleamos por moita razón que nos asistise pra facelo así.

Procederían Abril Martorell e máis Alfonso Guerra, a todas luces un par de sabios, faríano tan consciente e sabiamente como nos foi vendido, naqueles momentosaurorais do que agora temos, cando anunciaron que o camiño indicado era o da profesionalización dos políticos? Entendese por tal, por lle chamar profesionalización, ó proceso social grazas ó que se milloran as habilidades dunhas xentes pra facelas competitivas e capaces en términos da súa profesión ou oficio. Non lles é unha pregunta ociosa; que vai selo.

Vendo os resultados e comparando os deputados e senadores das primeiras lexislaturas coa maioría dos actuais, do que se trataba, ó parecer nada máis que observándoos, era de que non fosen os cidadáns os que elixisen ós seus representantes. Os cidadáns, se facemos caso do suxerido por Swift, o tan cheo de ironía, non habería perigo de tolemia colectiva ningunha pois os cidadáns, no noso conxunto, non somos sabios, nin moito menos. Por tanto o máis indicado sería que fósemos delegando tal responsabilidade nos señores escollidos polas cúpulas dos partidos, que eses si que son sabios, e o son cada vez máis considerando as opinións dos dous sabios citados e dando por certo que a función crea o órgano e o “uso” continuado dos poderes que corresponderían ós cidadáns, pero practicaban eles, os fose profesionalizando, ou sexa facendo sabios, de xeito que defendesen coa maior eficacia os intereses da cidadanía. Xa estamos vendo que si, que así é e, como se escribía nas cartas cando se quería dicir o contrario do que se dicía, vaillo contar á tía Rita.

Nos tempos bélicos, aqueles anos atroces que, a volta de tantos e tantos anos, aínda nos permiten alardear de ser o segundo país do mundo, logo de Camboia, no número de foxas comúns…co que tal cifra implica de desacougo e inxustiza, de feras e de férreas conviccións e de escaso propósito de emenda, por non dicir de satisfacción de obra. 

Fixo crer certo e que soar soaba bonito e había que delegar a elección primeira dos deputados nas cúpulas dos partidos. Craso error. Santificábanse así as listas pechadas. Tal feito valeu nos primeiros anos, cando viñamos do partido único e había que afortalar os novos, pero deixou de valer según a sociedade ía avanzando nos tempos novos, allea aínda á situación que agora temos

A realidade é que os electores, grazas a esas listas pechadas e a outros agasallos concedidos ás cúpulas dos partidos, os cidadáns non coñecemos, por unha parte e na maioría dos casos, nin os nomes dos nosos representantes, nin tampouco estamos en condicións de elixir a quen terá que presidir o consello de ministros, de forma que os seus electores son os deputados e ai! do que non se comporte en debida forma e non vote como se lle indica.

A partir de aí sucede que quen decide quen han ser os deputados sexan as cúpulas dos partidos. Sucede de tal xeito que, na xeneralidade dos casos, a maior preocupación dun cabeza de partido sexa a de conservar o seu poder ou que, no caso de estar o seu partido na oposición e non no exercicio do goberno, sexa o da obtención do poder ó prezo que sexa. A partires de aí a convicción de que os valores morais non son de estrita aplicación nas relacións políticas e deben ser substituídos polos valores políticos, eses cos que todo vale. 

É así como quedan relegadas as demandas da cidadanía e xorden as migallas da mesa de Lázaro, ou do rico Epulón, xa non o recordo, que son recollidas según van indo ó chan, según caen da mesa abaixo e contentando, mal que ben, ó persoal circundante.

Cando me da por remoer neste tipo de consideracións (e xa ven os lectores a frecuencia coa que adoito facendo caendo nelas) sei que o comportamento estoico, ese que tan a miúdo practicamos nós, os galegos, ese comportamento do que Swift afirmaba que consistía, que consiste, na satisfacción das nosas necesidades polo simple procedemento de eliminar os nosos desexos; unha parvada que el consideraba tan terrible como optar por nos cortar os pes cando o que necesitamos son uns zapatos. E así andamos, descalciños pola area vendo como polo mar abaixo vai unha troita de pe e se nos van desguazando, pouco a pouco, aquelas ilusións primeiras que tanto nos gabamos hai xa ben os trinta anos. E o país segue costa abaixo.

Te puede interesar