Opinión

Un vello e nunca esquecido afecto

<p></p>
Chegan estes últimos días de agosto e non podo, nin quero, evitar o recordo de Ramón Piñeiro. Lémbroo con afecto, tamén con admiración e con respecto. Outro día falareilles del, agora que os tempos están a darlle (de novo) a razón e as formacións políticas aceptan camiños que outrora quixeron ignorar. Morreu por estas datas nas que, agora, vinte e seis anos máis tarde, vexo despeñarse o verán mentres leo os artigos que Casares escribiu en este mesmo mes durante os que foron desde 1997 ata 2001. Son espléndidos. Magníficos. Como o son a inmensa maioría dos que deixou escritos na que, probablemente, constituíu o seu maior e mellor e máis lograda expresión literaria; dito sexa sen demérito algún das outras. Teñen, iso si, ese inconfundible aroma dunha bondade, como de sancristía, de flores a María, de flores a porfía que Nai nosa é e viva o mes de maio aínda que esteamos en agosto. Pero son un canto á vida. Están cheos dunha ironía doce e suavemente corrosiva na que Deus aparece sempre como un pouco descoidado, alleo e distraído, distante da cotidianidade humana.

Coñecín a Carlos a mediados dos anos sesenta, non podería dicir en cal deles. Un día cruzámonos nunha rúa compostelá e saudámonos; el sabía quen era eu e eu sabía quen era el, pero aínda non coincidiramos nunca. Su tío, Don Faustino, si, creo que era Don Faustino, se non tereillo que consultar ó meu irmao que ten máis e millor memoria ca min, fora cura en Allariz. Ali fixérase amigo do noso tío Gonzalo. Foino ata tal punto que acabara sendo padriño de pía da nosa curmá María Xosé, da que o Carlos aínda andara algo máis ca namoriscado. Carlos foi moito máis galán do que a xente se imaxina.

Cruzámonos en non sei qué rúa, saudámonos, el acababa de chegar de Ourense, e díxome se nos íamos tomar un viño por aí adiante. Aceptei encantado, mesmo diría que compracido. Carlos xa era máis escritor ca min e eu xa o admiraba coma tal. Paseamos Compostela, de tasca en tasca, do 42 ó Gaiola, do Gaiola ó Galo de Ouro, deste ó Gato Negro… por todos e cada un dos bares nos que se reunían os distintos grupos políticos actuantes na universidade de entón, nada que ver coa de hoxe en día. En cada un deles falamos con uns e con outros. Logo, díxome se me achegaba con il a saudar a Piñeiro. E alá nos fumos. Chegamos e do primeiriño que fixo foi facerlle a Don Ramón un completo e intelixente resume de todo o que nos contaran todo ó longo do noso recorrido. Carlos tiña una intelixencia construtiva que nunca ou case nunca abandonaba e que te marabillaba cada vez que tiñas ocasión de constatar a súa existencia. Aquela foi a primeira vez na que o fixen.

Noutra ocasión levoume a casa de Agustín Sixto Seco e tamén, sen previo aviso, vin como lle pedía ó doutor d’A Rosaleda a súa mediación cabo do presidente do goberno pra que iste intervise a favor dun escritor galego suxeito a un proceso xudicial que ía dar con il de fuciños no cárcere. As razóns que Carlos aduciu volvéronme dar conta, xa por enésima vez, daquela súa claridade de ideas; máis aínda logo de terlle escoitado falar como adoitaba facelo de escritor pra algúns tan insigne como pra outros algo politicamente atravesado. Casares podía ser así de imprevisible.

Logo, aquela nosa que fora unha amizade fraternal, foise ó traste. Sucedeu alá a comezos do ano 91 por razóns que xa non son do caso. Coido que as culpas e as razóns han estar ben repartidas. Fixemos as paces un par de veces, pero sen maiores resultados. Cando se foi tiñamos pendente un xantar que significaría o terceiro intento de recomposición dunha amizade que produciu máis dun efecto no mundo e nos ideais que compartiamos. Lástima que sucedese así.

Agora releo os seus artigos e recobro o vello e nunca de todo esquecido afecto. Carlos era así como se nos desvela neles; por unha banda o escritor quen de resumir en poucas liñas os sentimentos máis nobres e máis reconfortantes do ser humano ó tempo que o ser humano quen de facelos propios e compartilos, malia deixar neles algo daqueles seus anos de seminarista dos que endexamais se desprendeu de todo, madía leva, que só coñezo un dos seus colegas de entón que me pasara desapercibido e ise non foi il, nin moito menos.

Vaia, pois, en boa hora este recordo que empezou sendo de Piñeiro e acabou por se asentar en Casares. A fín de contas, Carlos foi pra Don Ramón, espiritualmente, o fillo que iste nunca tivo. O que a xente non sabe é que Casares influíse en Piñeiro tanto como influía. Pero ese é xa un conto pra outro día.

Onte, o Carlos tería feitos os setenta e cinco anos da súa idade. Vaian estas liñas en recordo da amizade que tivemos quen de superar o paso do tempo e os desastres que este sempre trae consigo.

Te puede interesar