Opinión

Dous himnos e tres bandeiras

Xoves pasado falouse eiquí da necesidade dunha letra pró himno español que producise ese efecto de cohesión do que tan necesitada está a sociedade que de momento non pode cantalo; dunha letra que ó ser cantada, seguindo as pautas musicais dun himno que xa está aí e que tampouco non haberá que cambiar, ou si, xenere esa forza que quen de producir o necesario sentido de pertenza da que gran parte da nosa cidadanía carece cando menos ós efectos pretendidos. ¿Cáles? ¿Imaxínanse ó Estadio Bernabeu cantando a Marsellesa en ocasión coma a do outro día os franceses? ¿Non? Pois eses mesmos que quedaron postos en evidencia nesa vez que escoitamos cantar A Marsellesa ós nosos irmáns franceses e, con eles, a non poucos de nós e doutros cidadáns europeos e mesmo do resto do mundo que nos deixamos levar do pulo que eles xeneraban... porque o tiñan. Deso se fala, a iso me refiro.

Cando tal fixemos, cando de tal cousa tratei coa pouca autoridade que me concedo –pois debo confesar que moi excepcionalmente me conmoven os himnos e as bandeiras- citamos de pasada, moi de pasada, o que nos sucede ós galegos co propio himno, coa propia bandeira, e con todo aquilo que debera vencellarnos ós galegos dun xeito que aínda non acadamos e que nos é tan necesario se queremos recabar dos demais o respecto co que non contamos e que, no entender de quen isto asina, parte do feito de que nin nós mesmos nolo profesamos. Descúlpenme que me exprese así, pero si ós meus anos non o fago xa me dirán cando hei ter tempo de facelo.

Os que leran ese artigo anterior, o do xoves próximo pasado, han recordar as causas que ó entender deste escribidor de vostedes, avalan o feito de que envexemos ós franceses escoitándoos cantar o seu himno nas circunstancias e coa forza coa que o cantaron estes días. Envexa que nos leva de contado a que nos preguntemos por qué os españois co himno común e os galegos co noso propio himno non cantamos así aínda que nos zorreguen cun vimbio.

O caso español, millor dito, o que eu entendo que explica o caso español, espero que xa que non aceptado quedara debidamente explicado o xoves, cando menos dun xeito intelixible e medianamente certo. O caso galego imos ver se queda claro agora; é dicir, a ver se queda claro o que eu penso ó respecto porque eiquí, como en todo, non sobra ningunha opinión e convén ter en conta todas.

Primeiriño de nada non debemos esquecer que, formando como formamos parte dun todo e malia que teñamos unha propia comprensión do mundo, consecuencia dun propio devir histórico, tamén somos consecuencia do caso xeneral español, cando menos nunha parte que cada un de vostedes cuantificará según o seu leal saber e entender. 

Dito o anterior é o momento de empezar a furgar nas propias feridas. Somos un país que aínda non está seguro de si se chama Galicia ou Galiza pois uns din que arre e outros din que xo. 

Non contentos con iso, temos dúas bandeiras oficiais. Unha é a branca coa custodia e as sete cruces que representan as sete vellas capitais do vello reino de Galicia; si, do noso vello reino, algo que por exemplo os cataláns non tiveron nunca, os vascos tampouco. Outra é branca coa raia azul que a cruza en diagonal dende o seu ángulo superior esquerdo deica o inferior dereito e moitos aseguran que, esa raia azul celeste simboliza o Río Miño, o Pai Miño que diría Otero Pedrayo. En realidade trátase, toda ela, da bandeira da provincia marítima d’A Çoruña adoptada no seu momento como a galega e común polos nosos emigrantes n’A Habana.

A maiores destas dúas aínda temos outra máis derivada da segunda das citadas no parágrafo anterior. Tratase da nosa “estelada”, da adornada cun ha estrela vermella de cinco puntas, que é propia dunha forza política que loita por que se impoña por de diante das outras, entendida sexa esta afirmación no sentido de que parece ser considerado máis patriota aquel que opte por ela antes que por calquera das outras dúas. Ou non?

Tamén temos dous himnos. O primeiro é a Marcha Real do Antigo Reino de Galicia, que eu tería dado algo por telo escoitado sonar, tocado pola Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, abrindo marcha pola quinta avenida neoiorquina no día de San Patricio de hai uns anos e que só a miña mala pata (escordei un pe) me impideu escoitar pois nun puiden desprazarme deica alá como tería sido preciso. 

O segundo é o da música composta por Pascual Veiga e letra de Eduardo Pondal. A música é de ritmo lento; fermosa, si; pero inapropiada pra un himno nacional, recoñezámolo coa sinceridade debida. Paséasenos a alma polo corpo cada vez que o escoitamos e non digamos se nos poñemos a cantalo; cántao pouca xente e xeneralmente mal; aínda máis se cantamos as dúas partes establecidas, a cousa pode resultar patética. 

Amén disto sonlles moi pouquiños os que entenden todo o que se di nel; xa saben, iso do escuro arume arpado, o monótono fungar e mais o dos féridos e duros. Confeso que a mín gústame ben máis a música e maila letra de Cabanillas doutro himno que adoitaba entoar o finado do meu pai pai e fala da casta dos celtas á que convoca a espertar axiña; en fin, cousas.

O caso é que o noso é un país con dous himnos e tres bandeiras, con dous nomes a falta de un, que aínda non sabe moi ben como se chama e cal lugar debe ocupar no mundo e que así non se vai a ningún lado. Ó millor chega un día no que nos abeiramos todos baixo a mesma bandeira, sexa esta a que sexa, pero unha; un día no que cantemos a coro as estrofas que nos xungan, motiven e conciten a camiñar xuntos. Xa só faltaría que souberamos cómo nos chamamos e cál lugar nos corresponde pra así podernos facer valer.

Mentres ese día non chega haberá que se contentar con ver como os franceses cantan a Marsellesa ou como os ianquis izan a bandeira das barras e as estrelas. Do resto dos españois non digo nada pois moito todos temos aprender. Non se contenta o que non quere.

Te puede interesar