Opinión

Concellos galegos: un mundo que non muta nin se inmuta

«Me gustas cuando callas porque estás
como ausente. / Distante y dolorosa
como si hubieras muerto». 

(Pablo Neruda, Veinte poemas de amor y una canción desesperada) 

Constituídas case todas as corporacións locais galegas resultantes das eleccións do pasado 28 de maio, sería moi desexábel non deixar de lado, como aconteceu nos últimos mandatos, o debate cada vez máis urxente e necesario sobre as eivas, as maluras e as cuestións esencias que lle competen e incumben aos concellos galegos, para facer aflorar propostas e reivindicacións que deberían atopar acomodo nas páxinas dos boletíns oficiais, a fin de acadar unha mellor calidade de vida para o conxunto da cidadanía galega.

Corenta e pico anos despois da aprobación do Estatuto de autonomía de Galicia, os nosos concellos seguen embobados cunha lei de réxime local galega que non deixa de ser a fotocopia da lexislación do Estado e, a día da data, do Parlamento galego aínda non se atreveu a aprobar a primeira lei de facendas locais de Galicia, porque ningún grupo político ten o máis mínimo interese ao respecto. Maiormente, malia superarmos as 30.000 entidades de poboación –tantas como hai no resto do Estado– e sermos a terceira comunidade máis envellecida e con menos fecundidade, aos alcaldes e alcaldesas galegas trémenlle as pernas á hora de esixirlle ao Goberno central que faga xustiza dunha vez cun país distinto, a fin de que se teñan en conta tales circunstancias á hora de definir a as correspondentes compensacións  na participación dos nosos concellos nos ingresos do Estado.    

A Xunta de Galicia e o Parlamento deberían asumir a súa condición de ‘institucións galegas’ e poñer enriba da mesa unha ‘nova planta local’ que dea a luz unha configuración político-administrativa-territorial propia, máis acorde coas características orográficas galegas, co seu asentamento da poboación e coas nosas sinais identitarias, que permita prestarlle servizos públicos universais e de maior calidade á veciñanza e defender os nosos elementos diferenciais.

Mentres tanto, a curto prazo, é imprescindíbel forzar e acelerar o novo modelo de participación dos concellos nos ingresos do Estado; esixirlle á administración central e á autonómica que reasuman as súas obrigas, aliviando aos concellos  da sobrecarga de competencias impropias ou financiándoas na medida dos seus custos reais; e, a aprobar unha norma que, mentres non se supriman, reduza as deputacións ao seu mínimo expoñente, obrigándoas a cumprir os fins que lle encomenda a lexislación de réxime local, garantindo a solidariedade e equilibrio intermunicipal e asegurando a prestación integral e acaída dos servizos de competencia municipal na totalidade do territorio provincial. Iso require, como mínimo, simplificar a súa estrutura administrativa e reorientar os fondos –todos os fondos– con criterios obxectivos unicamente cara aos concellos máis pequenos e con menos recursos económicos.  

[O meu tío Lisardo discrepa dos que se empeñan en comparar os custos dos servizos prestados polas entidades máis pequenas e os das máis grandes, para acabar recomendando fusións de concellos e outras fórmulas ineficaces, co pretexto de reducir gastos. Iso si, os que pensan dese xeito nunca propoñen limitar outros gastos superfluos do Estado ou das autonomías. Así que non convén distraerse, porque serán estes pensadores concienciudos os que acabarán fundamentando propostas para que se pechen colexios, centros de saúde e hospitais públicos, para  que todo se privatice, ata deixar aos máis necesitados sen a mínima asistencia]

Te puede interesar