Opinión

A conxura dos patriotas sen nome

“Essas criaturas tinham todas vendido 
a alma a um diabo da plebe infernal, 
avarento de sordidezas e de relaxamentos” 

(Livro do desassossego, Fernando Pessoa).

Nunca seremos capaces de desentrañar a rutineira teimosía dos donos dos bares, dispostos a aparvarnos con varios televisores acesos, dende a madrugada ata as tantas, malia a nosa inapetencia polas súas viandas, agás cando o fútbol decide invadir todas as polgadas da pantalla. 

Mais ás veces, raras veces, acaba despuntando a excepción, talvez para confirmar a regra. Hai cousa dunha semana, a iso da media mañá, os barópatas viraban repentinamente a cabeza cara a caixa da parvidade, cando os xefes do pesoe e pepé discutían no patio do colexio sobre a codia das súas miserias, decididos a agraciar ao respectábel público con cargosos bramidos que in illo tempore lle chamaban oratoria. Nesta ocasión ladran e oulean para referirse aos presuntos implicados no penúltimo banquete da chourizada patriótica, sen atreverse a amentar os seus nomes. Ou o que vén sendo o mesmo: rifaban, pretendendo facernos crer que nolo estaban contando todo, sen que nos decatásemos que non nos contaban nada. 

Claro, como os galegos -e os outros tamén- somos moi listos desde que pensamos, malia a doenza colectiva, coñecida como lapsus línguae, que aparentan padecer os da rifa, acabamos sospeitando que andan metidos en negocios turbios, cando aparece na discusión “la mujer del presidente”, despois de se conxurar para que nunca aprendamos o seu nome. Despois refírense a “la pareja de Ayuso” para falar de pisazos, Maseratis e de pasta -de moita pasta!- ata colocar a un coitado “contribuínte”” no primeiro posto do Hit Parade dos tratantes de máscaras en tempos de pandemia, sen que nunca saibamos como se chama o fulano de marras. Para pechar a cuadratura do círculo dos vicioso, é posíbel que o tal Koldo se chamara Koldo, mais, a día de hoxe, nin sequera o propio Ábalos se lembra do nome deste amigo. 

Así que, a nosa amnesia e a supina ignorancia van medrando porque nos azacotan con toneladas de parvidade e porque os que mandan se conxuran, antes de que o do bar acenda o televisor, para regalarnos millóns de gafas con cristais opacos, fabricadas para converternos en cidadáns cegos, incapaces de distinguir a luz da escuridade. 

Cando o reloxo anuncia a hora de xantar, a televisión segue coa mesma garulada e a cadela de Iolanda, deitada no seu colo, escoita impasíbel as trapalladas de Sánchez e Feijóo, e as dos seus lugartenentes. Mais, antes de marchar e sen permiso da presidenta da cámara, pega un brinco mortal, tentando alcanzar coas uñas a pantalla. Como non o consegue, comeza a ladrar desesperadamente, sen que o dono do bar se decate que o único xeito de facela calar era apagando o televisor.

(O meu tío Lisardo só pode compadecerse da pobre cadela de Iolanda -e do dono do bar, claro-. Mais, que podía facer aquela criatura despois de ter que escoitar toda a mañá a tan ilustres tarambainas!?).

Te puede interesar