Opinión

A espantosa realidade das cousas

“A espantosa realidade das coisas
é a minha descoberta de todos os dias»

(Alberto Caeiro -heterônimo de Fernando Pessoa-, Poemas inconjuntos).


A iso da media mañá, un día tras outro, atopabámola no bar tomando café. Os que entraban saudábana movendo discretamente a cabeza. Ela correspondía cun «ola!, bo día!» e seguía ollando o xornal. Tiña o móbil aceso enriba da mesa, co volume baixo, para escoitar miles de veces Yolanda, de Pablo Milanés. Semellaba non lle prestar atención, mais cando chegaban as estrofas “Si he de morir, quiero que sea contigo./ Mi soledad se siente acompañada”, cantaruxaba canda o cubano e movía o corpo ritmicamente. Os que estaban no bar, a voltas co licor café e coas cervexas, case todos de pé e arrimados á barra, virábanse para lle reprochar a actitude, con espaventos e acenos desatinados. Salvo nós, ninguén sentaba a carón dela. Leriabamos un pouco de asuntos triviais, talvez porque malia a evidente empatía aínda non atinxiramos a confianza necesaria. 

Iolanda marchara de moi nova a Barcelona para traballar de camareira -iso é o que dicían- e nunca regresara ata hai cousa de dous anos ao lle morrer a nai. E foi entón cando decidiu ficar na aldea. Seica era filla de solteira, e quizais fosen eses revirados pretextos os causantes daquel inxusto rexeitamento. A xente ten a cabeza moi retorta! Cada un é como é, todos estamos cheos de defectos, mais moitos trapelean sen saber de qué falan ou por non estar calados. Son adictos á murmuración. Iolanda era a diana perfecta á que a todos gustaban de disparar. Uns non lle perdoaban que marchase abandonando a nai e outros reprochábanlle que volvese cando xa non tiña a ninguén aquí. Quen entende estes trapelos do carafio!

Cando topeneaba a tarde e o sol se precipitaba sobre o ocaso, sen faltar ningún día, asomábase ao mundo de novo, paseando coa súa cadeliña zura, que corría cara a adiante e cara a atrás, brincando de alegría, pletórica, cada vez que Iolanda lle dispensaba un aloumiño. Ao pasaren por diante da nosa casa, viámola desde a galería e, sen se deter, saudaba cun aceno e cun doce sorriso. Sempre ía exquisitamente peiteada, impecábel, con aquelas botas altas de plexiglás relucente que lle chegaban aos xeonllos para acrecentar a súa natural elegancia. 

Hai máis dunha semana que non a vemos, nin no café nin paseando coa cadela. Preguntamos por ela no bar e todos engurran os ombreiros. Ninguén a estraña. Uns din que regresou a Barcelona, outros que está agochada preto de aquí; cada un conta o que lle peta. 

Ao non termos razón dela, acordamos ir ata a súa casa. Antes de chamar, xa a vimos no sobrado ao pé da fiestra, descoidada, coa mirada perdida, tardando en notar a nosa presenza. Abriu a ventá, acenounos discretamente, sorriu un instante e ficamos impasíbeis observando como marchaba, entristecida. Uns días despois, Iolanda paseaba novamente coa cadela zura polas rúas de costume. Mais nunca volveu aparecer por aquel bar onde o barullo da xente só era un mar de silencio.

(Díxome o meu tío Lisardo que lera en Infamia, de Ledicia Costas: “A soidade era densa e asfixiante. Filtrábase polas paredes da casa coma un líquido que procura unha saída a través dun poro”. Ao lle preguntar pola páxina enmudeceu un instante, para acabar respondéndome que era mellor non a lembrar).

Te puede interesar