Opinión

As gloriosas fragancias da Gloria

“Sabes que volverás, que te hallas condenado/ 

a regresar, humilde, donde fuiste feliz”. 

(Félix Grande, Donde fuiste feliz alguna vez).


O tempo non se detén! Semella que pasou un lustro e só hai mes e pico dende que un Sol trincado e burlón se xactaba de ser o amo do tempo, alongando as horas, finxindo non ter présa en apoleirarse no apracíbel colo dos mares de Fisterra que o agardaban á bocanoite. A calor intensa e interminábel convertía as tardes en auténticos calvarios, capaces de sufocar aos corpos máis varudos. Mais, como todo é perecedoiro, por moi longo que fose o día, a noite sempre se o aniquilaba con puntualidade inglesa. Aquel anoitecer de setembro, ao anunciar o Sol a súa retirada, senteime no mazadoiro, agardando a visita dunha onza de fresco que se atrasaba demasiado, porque talvez perdera o tren, ou simplemente porque non tiña gana de vir. Malia todo non perdín as esperanzas.

Mentres seguía agardando, pousei a ollada na lámpada do alumado e vin como unha caterva de mosquitos bailaba a danza da morte arredor da luz. Por fin, a miña cara detectou unha airexa agradábel. Mais pasou de présa, como un alustro, sen ansia de refrescarme. Agracioume, iso si, cunha procesión de ulidos intensos. Olores a herba seca, a chupamel... a cervexa fresca, que deseguida premiaron a miña mente con recordos melosos que ían desfilando polo meu cerebro, trocando o abafante sopor en tardes de ledicia, de troula e euforia... en veráns inesquecíbeis. Marchou a luz e, de volta, veu canda ela un morcego adoecido que, ao topar contra o farol, espantou os mosquitos que que se libraron de seren engulidos polas súas reviradas artimañas. 

Eu non comprendía ben como aromas tan ordinarios podían distraer a miña mente con tantos recordos pretéritos. Botei man do móbil e consultei Internet. Entón puiden saber que, cando as moléculas olfactivas chegan ao cerebro, buligan e furgan no sistema linfático, ata atopar os recordos que, ao longo da vida, se van almacenando na artesa dos pretéritos. Decontado, o noso estado de ánimo seica reaccionará en función do tipo de lembranza que se evoque e, se esta non existe, a vivencia do momento a escape se asocia a un recordo de felicidade ou tristura, que sempre se presenta dun xeito totalmente inconsciente.

Xa talmente apampado, foi o ruído dun coche, que non cheguei a ver, quen chamou novamente a miña atención. Pronto saín de dúbidas ao ver como Gloria se asomaba polo canellón. Había tempo que non sabía dela. Viña cunha bolsa na man e trataba de pasar desapercibida, mais ao decatarse da miña presenza detívose un instante para saudar. Seguiu o camiño cara a casa do Néstor e, antes de atravesar a porta, aromatizou o ambiente cun doce cheiro a amorodos maduros, por mor do perfume que a acompañaba. Ao pouco, cando estaba a piques de retirarme, un agradábel olor a patacas fritas con cebola mudoume a idea e fiquei fóra para gozar daquel marabilloso pracer, mentres durara. Cando parecía que o cheiro a tortilla se esfumaba, o intenso recendo a pementos fritos non só me remontou a aqueles veráns inesquecíbeis senón que me disparou coma unha bala cara a porta da cociña do veciño, ata o punto de abrila de súpeto. Xa cun pé dentro, ao vir Néstor de cara a porta, escuseime e expliqueille o acontecido. Non necesitou porfiarme para que compartise con eles os incomparábeis e saborosos manxares que, daquela, tamén me entraban polos ollos: tortilla de patacas con cebola e pementos fritos con cachelos. E así, sen pensalo, foi como gocei das glorias da Gloria. E sigo gozando, cada vez que penso naquel fabuloso acontecemento. 

(O meu tío Lisardo non comprende como pode ser posíbel que, existindo miles de restaurantes, non atopemos un capaz de evocar aqueles auténticos manxares do pasado que nos fixeron gozar tanto, ata o punto de conseguir extasiarnos.)

Te puede interesar