Opinión

Hai alcaldes de tarifa plana?

“Todos os problemas são insolúveis. 
A essência de haver um problema 
é não haver uma solução”. 

(Fernando Pessoa. O livro do desassossego).


Iñaki Azkuna, alcalde de Bilbao dende 1999 a 1914, foi nomeado en 2012 mellor Alcalde do Mundo pola City Mayors Foundation, despois de demostrar que, malia a aparencia de espazos enlatados e irredentos, as coseduras de ferro pódense rebentar, cando hai ideas e vontade para transformar radicalmente as cidades. 

Unha das indómitas malura do municipalismo contemporáneo, que xa inzou dabondo no mapa galego e, por tanto, con trazas de perdurar despois do 28-M, ata o punto de arrastrar unha metástase irremediábel, é a ausencia de proxecto político, dos hóspedes das consistoriais, para o ámbito territorial e social no que deberán desenvolver a súa encomenda. 

Esas doenzas ou eivas, que non se sandarán con xaropes caseiros, agroman especialmente cando as xefaturas dos partidos non hixienizan ou articulan acaidamente unha escala de valores, principios e ideas. Cando o proxecto de país é difuso, cando os sanedríns xemen á hora de defender os idearios, os alcaldes e concelleiros perden o compás e, obviamente, acaban desnortados. A desorientación política sempre é a consecuencia da falta de vitamina ideolóxica. E despois, pasa o que pasa: nuns casos aflora a falta honestidade, noutros esfúmase a memoria histórica e, case sempre, aparecen vendedores de fume, dispostos a cuspir cara ao ceo e intentar convencer ao respectábel público de que os seus esputos acabarán coa seca endémica que desangra os concellos. 

Talvez pasa o que pasa porque estamos cargando o carro con demasiados políticos profesionais, ou porque permitimos que se arrimen a el, lacoeiros máis ansiosos de azacotar o ego ou a papada ca de agarrarse á chavella e turrar por ela para mellorar as condicións de vida da veciñanza.

E, claro, semellante panorama vai in crescendo ata acabar esvaecendo máis da conta as diferenzas nos pareceres e na acción política, xurdindo unha caste de alcaldes -e concelleiros- de tarifa plana, apáticos, sen estímulos sensoriais e de todo tipo, incapaces de molestarse en atopar o antídoto que, alomenos, alivie a abafante realidade que gurra sen paría contra o benestar social, nun mundo onde, ademais de medrar as desigualdades, non hai ansia de porfillar ideas e medidas serias a favor da conservación do medio, da nosa cultura, da nosa lingua e mesmo de todo aquelo que conforma a riqueza que posuímos e a esperanza necesaria. 

 (O meu tío Lisardo opina que, se os xerarcas que ocupan as salas de mando dos partidos, non mudan o rumbo, serán os autócratas os que se acabarán gobernando o barco).

Te puede interesar