Opinión

A lingua, a cultura e as andrómenas dalgúns alcaldes

“La verdad es la verdad, 
la diga Agamenón o su porquero”. 
(Antonio Machado. Juan de Mairena).

Din os estudosos que o simbolismo é un movemento inimigo da falsa sensibilidade, ansioso da procura interior da verdades universais, dende a espiritualidade, a imaxinación e os soños. Quen nos rouba os soños cada madrugada? 

A verdade -e a crúa realidade- demóstrannos cada luscofusco, cada día cando a luz se vai esvaendo, que, nos tempos de constante pantomima que nos toca vivir, aquela corrente do século XIX, foise virando e revirando para facer de nós monicreques devotos da existencia superficial e da pérfida e incoherencia. 

No medio da campaña electoral, no decorrer dnun maio extravagante, frío, aséptico e superficial, sempre sobra un instante para darlle pábulo ás ocorrencias.

No medio da campaña electoral, no decorrer dnun maio extravagante, frío, aséptico e superficial, sempre sobra un instante para darlle pábulo ás ocorrencias. Na véspera do Día das Letras Galegas, acompañada dun texto escrito na nosa lingua, cada día máis acurrunchada, aparece, na portada dun medio con domicilio fiscal no noroeste de España, unha foto desas ás que estamos tan acostumados, desprendendo simboloxía creativa que, para moitos, segue sendo difícil de engulir, malia as sobredoses de vaselina: Nun primeiro plano, aparece o alcalde da maior cidade galega e o director do medio en cuestión e acolá atrás, colocados adrede polo fotógrafo, case borrosos, poden verse o presidente da RAG e o premio nacional de narrativa de 2021. De fondo a lenda de rigor, Unha complicidade a prol de Galicia, coroaba a estampa do editor do xornal e do cómplice forzoso, o homenaxeado no Día das Letras Galegas do 2023. E aí está, outra vez, unha calcomanía surrealista en busca da máxima deturpación do simbolismo desexábel, a técnica sibilina de converter o vicio en virtude ou, o que vén sendo o mesmo, a mentira e o cinismo dos que teñen a tixola polo mango vendidas como verdades incuestionábeis e universais. A vida é dura. Moi dura!

...deberiamos poñernos mans á obra e esixirlle aos nosos representantes nos concellos, comezando polos máis próximos aos nosos pareceres, que tomen en serio a defensa da cultura e da nosa lingua.

Se aínda nos queda nas veas algunha pingada de sangue vermella, despois do 28M mais antes de que acabe o mes das letras, deberiamos poñernos mans á obra e esixirlle aos nosos representantes nos concellos, comezando polos máis próximos aos nosos pareceres, que tomen en serio a defensa da cultura e da nosa lingua. De non tomalo en serio, o pouco sentido de pertenza a un país que nos queda, dentro de catro anos, irase difuminando nunha masa abstracta sen nome e sen sentido, sen razón de ser.

(O meu tío Lisardo é dos que pensan que, ser coherente ademais de non ser necesario, na da vida é realmente imposíbel. Basta, por tanto, ter vocación de selo).

Te puede interesar