Opinión

O prezo dos servizos municipais (ou cando as comenencias suplantan ás necesidades)

“Alí onde fala o corazón é de mala educación que a razón o contradiga”. 

(Milan Kundera, A insoportábel levidade do ser).


Hai uns días, algúns medios dixitais daban conta dun informe, sobre a situación económica-financeira dos concellos galegos, do Observatorio Municipal Galego, da Rede Localis, asinado por Alberto Vaquero, profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do Campus de Ourense da Universidade de Vigo.

Os concellos galegos máis pequenos gastan en servizos básicos tanto como os grandes, mais ofrecen menos atencións

O documento conclúe que os concellos galegos máis pequenos gastan en servizos básicos tanto como os grandes, mais ofrecen menos atencións. As prestacións dos grandes disque son tamén de maior calidade, porque dispoñen de máis recursos; e iso seica acontece mercé á maior capacidade fiscal e maior participación nos ingresos doutras administracións. Esa é a razón pola que o autor do relato propón, en primeiro lugar, a fusión dos concellos de menor poboación, tomando como referencia as actuais cabeceiras de comarca e, en segundo lugar, ínstaos a que constitúan máis mancomunidades, consorcios, áreas metropolitanas e a que intensifiquen a súa colaboración coas deputacións. 

Ao noso modo de ver, o informe coxea das dúas patas: os argumentos froxean e as propostas son etéreas. Cando fala dunha maior cobertura e calidade dos servizos prestados polos concellos máis grandes, sería necesario que nos aclarase se a prestación é a mesma nas cabeceiras destes concellos -cidades e vilas- ca nas súas aldeas; e se é homoxénea no centro e nos barrios periféricos. Porque se non for así -que non o é- a afirmación leva a trampa na barriga. Ou, dito doutra maneira, cando se teña que fusionar O Saviñao (3.547 almas) con Monforte (18.374 habitantes), as 613 entidades resultantes recibirán os mesmos servizos e coa mesma calidade que a capitalidade? E, os servizos serán máis baratos no novo concello que en Mondariz-Balneario (675 habitantes e 5 entidades)? Habería que velo.

Canto nos custan as deputacións? Canto diñeiro aforrariamos se houbera unha soia provincia en Galicia? En fin, se as deputacións están para equilibrar os servizos, ao desaparecer os concellos pequenos, deberían seguir existindo? 

Á hora de calcular os custos dos servizos das cidades e vilas grandes, tamén deberían contarnos se tiveron en conta a axuda que supón a duplicidade e suplencia doutras administracións públicas (hai centros culturais, pavillóns de deportes, recintos feirais, bibliotecas, garderías, transporte público subvencionado polo Estado, etc, cuxos custos non tocan un céntimo dos orzamentos municipais). O informe tamén se esquece de analizar a repercusión que teñen nos custos dos servizos o exercicio de competencias impropias polos concellos pequenos. E, por suposto, nada nos di de canto están aforrando os concellos fusionados (Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade) e se hai mellora real na calidade das prestacións. 

Canto nos custan as deputacións? Canto diñeiro aforrariamos se houbera unha soia provincia en Galicia? En fin, se as deputacións están para equilibrar os servizos, ao desaparecer os concellos pequenos, deberían seguir existindo? 

(Di o meu tío Lisardo que primeiro agruparon as escolas, despois suprimiron servizos agrarios, veterinarios municipais, etc, logo descarrilaron o transporte de viaxeiros e eliminaron as oficinas bancarias; hai uns meses comezaron a substituír consultas médicas presenciais por telefónicas e non tardarán en pedirnos a tarxeta de crédito no canto da sanitaria. Agora queren eliminar os concellos pequenos porque seica hai que abaratar custos. Iso si, todos enchen a boca dicindo que cómpre potenciar o medio rural. Mais cando alguén o diga en serio, xa será demasiado tarde.)

Te puede interesar