Opinión

Que queremos ser, “anduriños” ou pardaos?

“Nadie sabe cómo pasa su vida/ 

Nadie se entera cómo su vida pasa/ 

‘Pardao’ le llaman en la plaza/ Porque aunque llueva, él canta/ Y no se marcha”.

 (Yosi –Los Suaves–, Pardao).

Din que a anduriña é a ave emigrante por antonomasia. Hai xente que as veneran como se fosen santas, mentres desposúe aos outros paxaros da condición de criaturas respectábeis. Hei confesar que non lle teño demasiada querenza a este plumífero espantadizo, de cola gallada, que se queixa cando pía. Son veraneantes que veñen a Galicia criar os fillos, para escapan en canto presenten o frío. Non emigran, marchan. Será pola cola gallada, polas ás longas e aguzadas, porque nunca se pousan no solo, para fuxir da realidade; ou talvez porque “Volverán las oscuras golondrinas / en tu balcón sus nidos a colgar”. Será por iso polo que non son santas da miña devoción. 

Aínda así, atúroas estoicamente. Mais o paxaro que me arrepía a alma é o anduriño -hai quen lle chama Alberto- que tamén goza de gran consideración entre os galegos, malia deixarnos chantados, por ir en busca da Terra Prometida. E, no canto de ir cara a Canaán acabou afociñando no Manzanares, abafado polos revirados corvos madrileños. (Os anduriños diferéncianse das anduriñas en que, mentres estas veñen de veraneo os Albertos regresan, sen plumas, axotados por bandas de corvos madrileños, chámense Pedro ou Isabel. O nome é o de menos). 

Como estamos a falar de paxaros, eu prefiro os pardaos. Por desgraza cada vez hai menos. Cada 20 de marzo seica se celebra o Día Mundial do Parado. Mais os galegos, en contra do que acontece coas anduriñas -e cos anduriños- témoslle escasa consideración. O pardao é o paxaro do autoodio. Gusta de vivir á carón de nós como se fose da familia, é confiado, intelixente, agudo e curioso, é gregario e nunca marcha do país. Non lle ten medo ás inclemencias dos rudos invernos. A pesar diso os ornitólogos galaicos non se molestan en protexelos. 

Hai que esixirlle ao Parlamento de Galicia que lle conceda ao pardao a categoría de paxaro nacional galego, que declare ao pardao o noso paxaro sagrado (se alguén decide promover a iniciativa, pode contar coa miña humilde sinatura). Amo os parados porque lle gusta andar xuntos, porque se levan ben entre eles, porque non lle importa durmir nas silveiras, entre as follas dos loureiros, ou agochados debaixo das tellas. Porque camiñan brincando, como as merlas e las lavercas, porque nunca marchan, malia tantas intemperies.

(O meu tío Lisardo non entende esa devoción inquebrantábel que lle profesamos aos anduriños, ou aos corvos madrileños, nin esa rara teimosía de gurrar contra os pardaos, para seguirmos espreitando os biosbardos, eternamente). 

Te puede interesar