Opinión

¡700 anos!

Permítame, benquerido lector, volver de novo á miña patria primordial para contarlles o privilexio do que tivemos a grande fortuna de sermos protagonistas directos, as aproximadamente 70 persoas que asistimos a unha conferencia-concerto de órgano na igrexa conventual celanovesa, na tarde-noite de onte (nantronte, para vostede).

Voulle comezar polo principio. Dende hai xa uns cantos anos o profesor e organista da catedral de Ourense, Manuel Rey Olleros, leva estudando todo canto libro cantoral hai dentro do patrimonio musical histórico ourensán, téndose convertido xa nun auténtico especialista nesta parte singular da historia, como é a historia da música medieval.

Neste longo e silencioso camiño a través dos arquivos da Península Ibérica e mesmo do Vaticano, hai uns cantos anos que foi dar cun "antifonario" que se conserva no mosteiro burgalés de Santo Domingo de Silos e alá marchou para inspeccionalo por arriba e por abaixo, por diante e por detrás, e, loxicamente, tamén por dentro, obtendo como resultado final  un libro que lle publicou hai uns meses a Deputación provincial e que responde ó título de "La música medieval en Celanova. Un manuscrito del siglo XII".

Pois ben, o tal manuscrito, segundo el mesmo defende e defenden tamén os seus antecesores na investigación musical, foi rexistrado no "scriptorium" do cenobio celanovés, un dos "scriptoriums" máis importantes de España desa época altomedieval.

O que fixo Rey Olleros con ese cantoral foi -salvando as distancias- o mesmo que faría un médico forense con un cadáver. É dicir, debullalo completamente para obter toda a información posible por moi insignificante que sexa, pois toda ela axuda a lle dar a importancia histórica que, polo visto ten o tal cartulario, xa que, como onte explicou o ilustre investigador Ismael Fernández de la Cuesta, é dos poucos que conservan a música denominada mozárabe, anterior ós cantos gregorianos dos que o propio Fernández de la Cuesta foi un dos grandes impulsores na súa etapa de director do Coro Gregoriano de Silos.

Nun momento dado da conferencia que impartiu o mencionado Fernández de la Cuesta, anunciou nos que máis que falar, a el o que lle gustaba era cantar e, de súpeto, regalounos unha intervención maxistral dun fragmento recollido no devandito cantoral. Tan pronto rematou a curta intervención musical, visiblemente emocionado, dixo que se sentía privilexiado de poder devolver ¡700 anos despois! a música que el coñecera en Silos ó seu espazo natural que era Celanova.

Logo, o organista asturiano, Rubén Díez aínda nos fixo outra regalía  patrimonial, interpretando ó órgano unha creación persoal baseada noutro fragmento do mesmo cantoral, mentres o público permanecía no Coro Alto levitando sobre un silencio sepulcral.

E non éra para menos. ¡700 anos e no mesmo lugar! Aí é nada, unha carreiriña dun can...

Te puede interesar