Opinión

A metade máis un

Non fai falla ser un gurú da socioloxía, nin un "pope" da demoscopia para saber dúas cousas sobre o pensamento colectivo dunha sociedade, xa estea formada esta sociedade polo inmenso conxunto humano que constitúe a Unión Sovietica ou pola insignificancia numérica que abrangue calquera parroquia galega.

A primeira é que -como ben saben os británicos- os referendos, coma as pistolas, cárgaos o demo. E non, precisamente, con balas de fogueo.

E a segunda é que, esa máxima de que "o pobo nunca se equivoca" -como ben saben os venezolanos-, non sempre pero adoita ser unha falacia pura, dura e verdadeira.

Escribo isto despois de ter lido os resultados que arroxou o referendo que este mesmo domingo celebrou o Concello de Silleda, vestido de novidosa -por insólita- fórmula de goberno local ó derivar a responsabilidade representativa -que é unha forma ben doada de gobernar- na presunta opinión maioritaria da sociedade -democracia directa, seica lle chaman- á que un mandatario electo se compromete libre e formalmente a gobernar cando se presenta a unhas eleccións e finalmente resulta elixido.

Como pode comprender, benquerido lector, porque nin son de Silleda nin coñezo a letra pequena do debate aberto entre a veciñanza pola proposta de mudanza da casa consistorial, non me vou meter eu en ensarillados dos que poida saír esnafrado.

Sen embargo, visto o visto, é dicir, que dos preto de 8 mil veciños con dereito a voto cos que seica conta o Concello, non chegaron nin ó 30 % os que exerceron tal dereito (é dicir, de cada tres que podían opinar, dous quedaron nas súas casas) e que entre os que decidiron meter a papeleta na caixa co si ó traslado só sumaron 52 veciños máis cós que optaron por darlle a negativa como resposta ó alcalde, o certo é que segundo o meu humilde pensar, querendo zafarse dun problema pola vía da devandita democracia directa (ou sexa, farase o que os veciños decidan!), non sei por qué me dá que home hoxe está enzoufado noutro pozo bastante máis profundo, por máis que ó remate do escrutinio declarase iso tan manido de "hoxe gañou a democracia porque tódolos veciños e veciñas que quixeron tiveron a oportunidade de votar".

Porque, se a democracia é a metade máis un, os datos son autenticamente concluíntes e a pregunta farto evidente, realmente alguén que non pretenda enganarse a el mesmo, pode pensar que 1.056 votos -que son os que efectivamente manifestaron o se compromiso firme co traslado da consistorial- son a metade máis un de 7.947 veciños.

A min, aritmeticamente non mo parece. Pero democraticamente, seica si. En fin... Oxalá o pobo de Silleda chegue a un entente, porque me parece que tempo van ter dabondo para pensar.

Te puede interesar