Opinión

A paz do saler

Escribo dende Valencia. Dende hai dous días  almorzo, xanto e ceo con homes e mulleres de Canarias, Andalucía, Murcia, Castela-A Mancha, Valencia, Madrid, País Vasco, Navarra, Castela-León e, por suposto, Galicia (seguro que esquezo  algún lugar de toda a xeografía). Porque non puideron, non porque non tiveran intención de estaren, faltaron algúns representantes de Portugal. Hai uns anos tamén almorzaban, xantaban e ceaban connosco, durante tres ou catro días ó ano, algo máis de media ducia de mulleres catalás, que deixaron de facelo cando unhas serie de imperativos políticos, explícita ou subrepticiamente, lles ordenaron poñerse a un lado e camiñar soas cos seus proxectos culturais.

Unhas e outros representaban e representamos a fundacións de escritores que na inmensa maioría dos casos, viviron nos séculos XIX e XX e que en moitos deles incluso tiveron relación de amizade ou, cando menos epistolar, compartindo tódolos valores de liberdade, igualdade e fraternidade que un día nos regalaron en Francia e sobre os que se asenta a nosa democracia actual.

O anfitrión foi Blasco Ibáñez, escritor e político sen par, que fixo do mundo o escenario total da súa obra literaria, mantendo sempre firme o seu compromiso vital coas "cañas e barro" que o viron nacer a carón da albufeira levantina e sobre o que este ano se está a conmemorar o 150 aniversario do seu nacemento.

Falamos moito e de moitas cousas. Pero sobre todo gozamos de compartir a diversidade das nosas linguas e dos nosos acentos, das nosas preocupacións locais e mesmo das dos nosos proxectos culturais. Falamos e falando aprendemos tamén moito compartindo experiencias, exitosas unhas veces, fallidas outras, pero sempre útiles para continuar camiñando xuntos no ámbito da xestión cultural.

E, como non! Evidentemente, falamos tamén de Cataluña. Non houbo sobremesa ou paseo pola cidade no que uns ou outros non viramos algún motivo para amosarmos unanimemente a preocupación común polo futuro inmediato desa España democrática da que nalgúns casos non puideron gozar os escritores que nos aúnan.
Hoxe mesmo, pola tarde -onte, para vostede-, como regalía sen igual de despedida, os xestores da Fundación Blasco Ibáñez obsequiáronnos a xeito de despedida cun paseo en barca por un dos espazos que máis marcaron a obra literaria do escritor valenciano, como foi a inmensa lagoa da Albufeira.

Alí, mentres Cataluña -e o resto de España con ela- navegaba sobre ondas de cinco plantas no ollo dunha treboada perfecta, nós respirabamos da paz do Saler, pensando en comandita o doado e pracenteiro que pode ser gozar comunmente dun fermosísimo atardecer que, sendo de Valencia é tamén de todos, como para, de súpeto, comezarmos a pelexar por repartirmos os minutos ós que tiñamos dereito cada un de nós en función da distancia á que viviramos del.

Te puede interesar