Opinión

Allos sen etiquetar

De cando en vez, os meus veciños dos Quintairos, que son xenerosos de seu, déixannos na cancela do patio xenerosas bolsas -coma eles- do "froiz", do "gadis" ou do "carrefour", pero con productos propios das súas colleitas.

Uns ovos por aquí, unha ristra de cebolas por alá, uns repolos de blanca e tenra folla por acolá, unhas leituguiñas de vez... E tomates, moitos tomates, que este ano me fixeron gozar do seu sabor natural nas noites de luar, cun pouquiño sal gordo e un aceitiño virxe do sur, sen máis.

Unha pasada pola billa, dúas voltas de rolla e xa está. Listos para degustar.

Pola contra, pouco podo facer eu para agradecérllelo, a non ser devolverlle -para as pitas- o pouco pan que vai quedando dun día para o outro, por cada ducia de ovos que amence -coma a mañá- pendurada na cancela ou na alcaiata onde o panadeiro adoita deixar precisamente a barra de pan .

Son vellos costumes veciñais que fan que a vida na aldea sexa algo máis ca vexetar. É dicir, erguerse, asearse, comer, durmir, traballar e de cando en vez botar unha cana ó aire. Iso si, sen se pasar.

Vellos costumes veciñais cos que, polo visto, quere rematar de contado a Xunta de Galicia, non vaia ser que nos envelenemos nese intercambio cotián de productos e afectos que xenerosamente nos regalamos uns a outros, pero sen regulamentar.

E digo isto porque -se non se enterou, xa se enterará- nantronte o diario oficial fixo público un decreto polo que "se regula en Galicia a venda directa dos productos primarios desde as explotacións á persoa consumidora final". E, por se os cidadáns somos parvos e non sabemos o que iso significa, ou, se cadra, para que non nos chamemos a engano, dedican un artigo completo -o 3- a definir conceptos como "venda directa", que segundo eles é: "a venda ou calquera outra forma de transferencia, xa sexa a título oneroso ou gratuíto, realizada directamente polo productor/a á persoa consumidora final ou a un establecemento de venda polo miúdo..."

É dicir, que terei que avisar ós meus veciños para que lean o decreto. Ou, no seu defecto, facerlles eu un resumo, xa que logo, segundo o artigo 8, "os productos presentaranse á venda consonte as prescripcións establecidas no Real Decreto 1334/1999, de 31 de xullo, polo que se aproba a norma xeral de etiquetaxe, presentación..., etc., etc., etc.", non vaia ser que un día se achegue polos Quintairos unha inspección alimentaria e os allos, as patacas ou as leitugas estean penduradas na cancela sen etiquetar.

En fin..! Mira ti que non hai cousas nas que xustificar as horas do hemiciclo sen poñerse agora a reciclar a "catro vellas e vellos" do rianxo en industrias alimentarias I+D+i con marchamo de producto internacional! 

Te puede interesar