Opinión

Banco de casas

A miúdo a actualidade ofrece a posibilidade de facer lecturas comparadas sobre informacións que aparentemente nada teñen que veren entre elas, pero, xa sexa por temática, xa polos seus protagonistas ou por outras moi diversas causas, se se relacionan, poden ofreceren reflexións interesantes.

Leo hoxe (onte, para vostede) como o pan de Cea continúa gozando de boa saúde, logo de celebrar unha nova edición da súa festa de exaltación. Saúde pola que, sen embargo, (e neste caso fágome eco dunha información colgada no muro do veciño desa terra de pan-trigo, Evaristo Rodríguez), se temía segundo recollía este mesmo xornal correspondente ó día 18 de xullo de 1982.

Leo isto e para chegar a esa conclusión, boto contas, nos 36 anos que median, dun traballo colectivo ben planificado polos artesáns, organizados en comandita, dunha boa estratexia comercial cara o exterior e dunha constancia que sabe conxugar o artesanal e o industrial no obradoiro da masa e no coidado do forno, que fan que hoxe, ademais de ser un pan recoñecido fóra de Galicia, fai que poida competir con productos semellantes en calquera mercado de España.

Boto contas e digo, "o pan de cea non morreu porque continúa a xerar economía" nos arredores de Oseira, unha economía que lle permite ó seus actores viviren onde quixeron viviren sempre, é dicir, nas súas terras de orixe.

Ó mesmo tempo, e malia que -como escribín ó inicio- nada teña que ver, cando menos aparentemente, leo tamén esoutra información do mesmo xornal que fala de que milleiros de vivendas e antigas vivendas esparéxense polo medio rural ourensán, anunciando unha oferta de venda en moitos casos a prezos completamente irrisorios, porque máis ca unha oportunidade, o que teñen os propietarios, con elas, é un auténtico problema.

E así, mentres algunhas iniciativas, coma o pan de Cea -aínda que sexan cuantitativamente pequenas- indícanos o camiño que hai que seguir, outras non fan máis que acender a luz de alarma e a serea de alerta, por máis que xa non lles fagamos cas, nin a unha nin a outra, pois, de tanto soar xa forman parte da nosa cotidianidade, do mesmo xeito que o enfermo terminal se vai acostumando á doenza, consciente do final cara o que se encamiña.

E cal é o camiño? Preguntarase vostede, con énfase de pregunta retórica.

Pois o camiño -repito, coma o do pan de Cea- non é outro có de ter capacidade de xerar economía e no momento no que o medio rural volva ter capacidade de xerar economía -como dicía o poeta-, outro galo cantará no amencer que nos espera.

E nese camiño, pregúntome eu agora: E non terá a administración (Xunta, concellos e Deputación) recursos suficientes para crear un gran banco de vivendas á venda que as poida colocar no mercado exterior? Porque a solución, queirámolo ou non, xa non está na nosa man, senón que nos vai ter que vir de fóra.

E todo o que non sexa ver o problema así, será como –tal como apuntaba outra información- tirar o pan ó lixo, para que non o aproveiten os que verdadeiramente o precisan.

Te puede interesar