Opinión

Biomasa

A cabo de ver pasar por riba miña, voando a moi baixa altura, unha avioneta de incendios. O Pachín, atento a gardar a casa, ladroulle como é o seu deber. Pola liña Norte-Sur que debuxaba, levaba camiño das terras montesías do Xurés.

O seu paso -o tempo, todos concordamos con que non- lembroume que camiñamos por calendas estivais e que a fortuna fai que o fume no horizonte ou as lapas nas abas máis achegadas son polo de agora -toquemos madeira- desagradables lembranzas doutrora que agardemos non volvan alampar.

Boto unha ollada ó horizonte con ollos de verán e decátome de dúas cousas. A primeira, que estas alturas de agosto os poucos campos que quedan nas cinchas das ladeiras de Sorga, As Mamuelas e O Forriolo están moito menos secos ca outros anos. Loxicamente a irregularidade climática ou meteorolóxica ten boa parte de culpa.

A segunda, que é onde quero ir parar e sobre o que teño escrito xa unha que outra vez neste mesmo espazo, é que ese horizonte cara o que fito vaise achicando a pasos axigantados e que lugares que antes vía dende a miña casa con total liberdade visual, agora están tapados por un manto vexetal que nos últimos sete ou oito anos ten crecido sen parar.

A Casa da Neve, un lugar tan ligado ós mitos da miña infancia e que tantas veces teño alcan- zado de paseo co meu can, xa non existe na panorámica. O mesmo lle acontece a Sampil, Monterredondo e mesmo o San Verísimo, que tamén pasaron a seren terceiros planos completamente alleos ó goce visual que antes me regalaba a min mesmo cando me colocaba no corredor da casa co único obxectivo de observar o horizonte.

Paseniño, paseniño, pero sen dar un só paso atrás, o monte vainos engulindo igual que engule á quenlla o mar. Sen remisión, a Galicia rural desaparece entre as pólas dos carballos e castiñeiros, facendo que aquilo que semellaba só unha catastrofista profecía hai décadas cando Europa decidiu condenar á nosa terra á inanición agraria, agora sexa xa unha preocupante e perigosísima realidade que só precisa un simple misto e unha man imprudente para nos devorar.

Neste contexto preapocalíptico, leo que a Xunta acaba de aprobar un plan -Estratexia de Impulso á Biomasa, seica lle chaman- que dis que prevé mobilizar 450 millóns de euros ata o ano 2020 para promover a limpeza sostible dos montes, en moitos dos cales resulta xa un imposible pretender entrar.

Xa sei que é algo obvio, pero agardo que non pretendan investilos nos parques urbanos.

Te puede interesar