Opinión

Botar ou votar

Cando eu era un neno de pantalóns curtos (un amigo meu dime de cando en vez, que nalgúns aspectos aínda o son hoxe) e ía co meu pai ás feiras, acostumaba a escoitarlle unha expresión que agora repito eu, con certa frecuencia, para os meus adentros, sobre todo cando lle escoito a alguén pedir gratuitamente a lúa.

"Contra o vicio de pedir -dicíalle meu pai ós propietarios dos becerros que lle puñan inicialmente un prezo completamente desorbitado- hai a virtude de non dar". Non sei se é un dito bíblico, nin tampouco o mirei porque o menos importante, neste caso, é a orixe da súa proclamación e o máis interesante é o ben que lle acae ó caso, que paso, de contado, a abordar.

Cando a cofundadora do núcleo xerminal de "Podemos", a compostelá Carolina Bescansa, decidiu hai unhas semanas ollar para atrás e volver a mirada cara Galicia co fin de "echar a Núñez Feijóo" (escoiteillo en repetidas ocasións, tanto na televisión coma na radio), sen temor ningún a que lle acontecera coma a muller de Lot e converterse -por iso de ollar para atrás- nunha estatua de sal; pensei a carga de profundidade democrática que conleva a expresión tan repetida por unha parte da esquerda española máis radical, así como polo nacionalismo galego máis intransixente: "... imos botar -echar- a Núñez Feijóo e ó PP da Xunta de Galicia e das outras institucións..."

Daranse conta -pregúntome eu cada vez que escoito pronunciar esa expresión- que é o quere dicir gramaticalmente "botar a alguén" dalgún lugar ou será xa un mantra que utilizan para lanzar a mensaxe implícita de que os que están nesas institucións, están de forma irregular ou sen merecelo?

A ese cravo amarrouse coma unha lapa Carolina Bescansa durante estas curtas semanas, ata que se cumpriu o dito que tanto predicaba meu pai e lle foi aplicada "a virtude de non dar", cumpríndose así a outra predicción bíblica de se converter nunha estatua de sal por querer ollar para atrás ó fuxir do seu alter ego inicial, o todopoderoso Pablo Iglesias.

E o suceso foi tan cruel que contando "botar" -é dicir, desaloxar, expulsar pola forza- ó presidente da Xunta das institucións, a forza de "votar", libremente ou ó mandado -quen sabe!- acabou sendo desaloxada ela da posibilidade de conseguir a lúa en San Caetano, anunciando hoxe mesmo -onte, para vostede- a súa retirada da primeira liña política e o seu regreso á formación universitaria.

Sinceramente, eu creo que as palabras -coma as armas- deben ser usadas con coidado porque teñen o poder de provocar a miúdo danos colaterais. E a política española, probablemente máis ca nunca, precisa unha profunda revisión na utilización da linguaxe, porque un comeza a falar do Valle dos Caídos e remata latricando sobre os presuntos desexos de fusilamento duns contra outros. E iso é sumamente perigoso.

Te puede interesar