Opinión

Camiños turísticos, camiños de ningures

Unha vez máis leo unha información que mete no mesmo saco a limpeza dun carreiro -que une, poñamos por caso, dúas parroquias- e o concepto "turismo", non na súa acepción vencellada a un vehículo de transporte unifamiliar, senón a iso que a Organización Mundial do Turismo define como "actividade que realizan as persoas durante as súas viaxes e estadía en lugares distintos ó seu entorno habitual por un período de tempo consecutivo inferior a un ano, con fins de ocio, negocios ou outros".

Por veces gustaríame ter o suficiente tempo libre  como para deixarme perder pola hemeroteca do xornal e, non só contabilizar o número de vereas, congostras, camiños ou carreiras que teñen sido anunciadas, afirmando os seus promotores algo así como que "coa súa posta en valor promoverase o turismo na zona", senón facerlle despois un seguimento ás mesmas actuacións e así coñecer cantos meses tardaron e volver seren comidas pola foresta, atacados os seus sinais polos vándalos de turno e esquecidas de todo, xa non polos visitantes -que seguramente xamais conseguiron ningún-, senón polos seus propios veciños, que é posible que fixeran unha andaina en comandita o día da súa inauguración e non volveron nunca máis polo lugar, a non ser que tivesen polo tramo algunha finca da parcelaria.

Gustaríame saber, polo tanto, canto diñeiro público ten sido investido no "camiño dos muíños", na "verea da capela", no "sendeiro do estraperlo" ou "na ruta dos fornos" -por poñermos catro nomes hipotéticos que representan ben o conxunto-, poñamos que nos últimos dez anos. Gustaríame sabelo, pero non quero nin imaxinar o resultado porque estou ben seguro de que tanto vostede coma eu quedaríamos escandalosamente abraiados.

E non digo eu que non se teñan que limpar os camiños. Nin moito menos. Levo moito tempo escribindo sobre isto e claro que os que vivimos nas aldeas temos o mesmo dereito a pasear por un vieiro sen silvas que nos engarren as solapas, nin estrugas que nos esgacen as pernas, ca calquera habitante dunha cidade ten de andar por unha rúa sen mondas de plátano e sen cagadas de cans esparexidas polas beiras.

O que pasa é que para iso deberían teren as tres administracións -Xunta, Concellos e Deputación- partidas orzamentarias concretas e non substraelas do presuposto autonómico que debera ser destinado a propostas concretas de promoción turística naqueles espazos, lugares ou monumentos que sexan susceptibles de seren captadores reais de turismo, xa sexa este natural, cultural, termal ou gastronómico.

E non culpo por iso ós Concellos. Deus me libre. Eles piden onde poden.

Culpo ós que saben ben que investir niso é como coller camiños de ningures e aínda así ségueno facendo.

Te puede interesar