Opinión

Catatonia

Ás portas do aparente final do devalo polo que transita nestes momentos a política catalana e do inmenso fastío que a mesma nos produce a todos -ou case todos-, do mesmo xeito que provoca nos miolos o interminable tracatrá dunha tarabela no medio do campo de millo, pídeme o corpo colocar o zoom na xanela desta Ourensalia e volver volcar a mirada sobre esa terra irmá, tan querida socialmente como politicamente aborrecida.

E pídeme o corpo volcar de novo sobre ela a miña mirada, porque me apalambra o nivel de degradación ó que ten chegado tal situación, que non só eles, senón o resto das comunidades do Estado, acabamos por outorgarlle carácter de normalidade política ó que noutro lugar e noutro contexto sería suficiente para que, igual cás mulleres, os xubilados e outros tantos sectores sociais, nos botaramos á rúa, pero non para manifestarnos simplemente, senón -como aconteceu na Porta do Sol e noutras moitas prazas españolas naqueles días de maio- para instalarmos de novo tendas de campaña ata que a clase política dirixente fixese borrón e conta nova e mudasen dende o primeiro ó derradeiro os actores e as actrices todas de tan monumental farsa.

Poñamos por caso, para vérmolo a través do espello, que o que está acontecendo en Cataluña -mudando someiramente o cadro artístico pero mantendo fundamentalmente a trama- acontecese en Madrid, ó fío do master sen traballo e do triste "clepto-vídeo" que chimparon á presidenta.

Poñamos por caso que, no canto de dimitir, Cristina Cifuentes se atrincheirase na vella Casa de Correos do quilómetro cero e en conivencia cos seus correlixionarios, xunto cos colegas de Ciudadanos, decidise resistir. Poñamos que, con ela e por diversas causas, outra media ducia de parlamentarios acabasen imputados, algúns na cadea e outros en Marrakech ou Casablanca, que é localidade peliculeira, pero mantendo o seu status de representantes electos do pobo madrileño. Poñamos que esa situación de turra e afrouxa, de arre e xo, para procurar un substituto que presidira a Comunidade de Madrid, durara medio ano, ata que cando todo estaba a piques de estourar, unha mañá a imputada presidenta ausente se colocase perante unha cámara de televisión, vestida de chilaba branca, e anunciase a elección como presidente "temporal" ó último da lista, un chulo de Chamberí que baila o chotis por riba dun ladrillo e cada vez que abre a boca organiza unha verbena da paloma.

Poñamos por caso todo isto e dígame, benquerido lector, que imaxina que estaría acontecendo arestora polas rúas de Madrid.

Pois ben, visto que non acontece nada no outro lado, paréceme a min que estes dous últimos anos teñen mudado tanto esa esquina do país que xa non é nin Catalunya, nin Catalonia, nin sequera Tabarnia. É un remedo de Catatonia, o país onde os seus habitantes –a dicir dalgún diccionario- “quedaron paralizados mentalmente, sen capacidade de resposta, a causa dunha forte impresión ou un gran esgotamento psíquico”.

Te puede interesar