Opinión

Conachadas bolivarianas

Aínda que o titular que hoxe sostén a columna poida chamar inicialmente a engano, contra o que semella, non teño intención arestora de escribir sobre Chavez, Maduro ou a indefinida e paralizada situación socio-política actual de Venezuela, por maís que haxa tan só uns días que tiven oportunidade de manter unha interesante conversa na miña vila con tres xornalistas do canal TV Familia, un dos poucos que o réxime bolivariano aínda non decidiu pechar, probablemente porque está sostido pola igrexa venezolana.

Creo que xa escribín algunha vez sobre isto, polo que pido desculpas se me repito, pero o caso é que cando as miñas fillas adoitan traer á casa, sobre todo para cear, comidas medio preparadas, fritangas ou desoutras que precisan moitas salsas, cando máis picantes mellor, e me ofrecen amablemente que as probe, eu sempre lles digo que non como "conachadas bolivarianas". Como moito unha arepa e, para iso, depende aínda do que lle metan dentro.

En contraposición, elas a min acúsanme de ser un soso gastronómico porque "só como comida ibérica" e son moitos os sabores e a variedade de productos da comida internacional que nunca apreciarei, cousa que ven a ser coma se tivese oportunidade de coñecer algúns países e por algún recelo persoal non subise ó avión.

É certo que esa máxima, non sempre cumprida ó pé da letra aínda que si bastante aproximada, me provoca un empobrecemento cultural, pero bueno, a min que me dean calquera prato tradicional das distintas comunidades autónomas ou do país irmau -iso si, sen arroz de complemento- e non preciso ir máis alá para me saciar.

Garante iso -e xa entro de cheo no asunto que motiva a reflexión que trato de artellar- que eu non vou ser víctima propiciatoria dalgunha intoxicación coma a que trae de cabeza estes días ó equipo de control alimentario institucional? Evidentemente non, porque nun momento dado calquera de nós pode pasar polo supermercado con algo de presa e coller gato por lebre, chirlas mal conxeladas por ameixas  do día ou unha ducia de ostras que te fagan trousar .

Está claro que, por máis que hoxe todo -ou case todo- estea "trazado" dende que sae da terra, do mar ou do animal ata que chega ás nosas cociñas, ninguén pode garantir un cento por cento de fiabilidade, como que por máis que saias da casa cunha escafandra para ser inmune a calquera incidente, só por iso te vaias librar.

Ora ben, se vai ó supermercado, encontra por exemplo "crema de carne mechá", "manteca colorá" "pringá estilo casero", "zurrapa de hígado" e decide mercar algo diso, alá vostede e as súas circunstancias, pero se con eses nomes non se esfurrica ás dúas horas é porque, como din os vellos "deus é grande" e o corpo, ata certos límites, unha depuradora alemá.

Te puede interesar