Opinión

Corrixindo a Castelao

Hai uns días lin unha información desas que se poden clasificar no ámbito da intranscendencia, pero que acaban por resultaren interesantes porque adoitan abordar aspectos da vida cotián que non provocan preguntas, pero cando as provocan obrigan a un a reflexionar.
"Cómo falarlle ó teu can, segundo a ciencia". Velaí o titular que presidía a referida información, asegurando logo que as investigacións levadas a cabo nas dúas últimas décadas demostran que estes animais son capaces de entender a comunicación humana coma ningunha outra especie.

É certo que a información non desvela grandes novidades pois xa se sabe iso de que os cans son quen de "entender" ata unha media de duascentas palabras e, sobre todo, son capaces de interpretaren os nosos estados de ánimo, as nosas fortalezas e as nosas debilidades, tamén.
"Os cans son especiais. Calquera que teña un, sábeo. Ademais, a maioría dos donos ten a sensación de que o seu can entende todo o que lle di e calquera movemento que faga". Velaí outra afirmación que podería resultar unha obviedade se non tivera unha base científica e ó mesmo tempo unha demostración empírica que calquera que teña relación diaria cun can, pode corroborar.

Eu teño a miña propia experiencia co Pachín, que é como se chama o can que nos sirve de alerta na casa e que fai que o fogar sexa tódolos días un pouco máis cálido e afectuoso porque cada vez que entramos polo patio -sexan as veces que sexan- denantes de cruzar a porta inxéctanos de forma gratuíta e xenerosa unha dose de cariño que nos axuda a meternos no fogar cun talante máis propicio.

O Pachín é serodio xa. Vai camiño dos once anos  e semella que coa idade a súa capacidade de exteriorizar os seus sentimentos se ten visto incrementada, tanto para ben -digamos cando reparte o cariño- como para mal -poñamos por caso, cando anda doente, está triste ou se pon sentimental-.

E que entende o que lle dis cando lle falas, é algo que semella unha auténtica parvada cando non tes can e unha obviedade -repito- cando estableces unha convivencia cotiá que a miúdo resulta difícil de explicar sen medo a facer o ridículo.

Desta relación dual que a miúdo e dende tempo inmemorial establecemos os seres humanos cos cans, só hai algo me resulta incómodo: Ter que corrixir ó admirado Castelao cando escribiu aquilo de que "os cans andan aínda no idioma universal".

E digo que o teño que corrixir porque, aínda que escrito así en frío poida ser interpretado coma unha trapallada de dono dun can, podo asegurar que o Pachín entende o galego, que é o idioma que escoita na casa dende que chegou para darlle agarimo ó fogar.

Te puede interesar