Opinión

Cousas de lobos

Asemana pasada saltou ós medios de comunicación -entre eles, este mesmo xornal- unha información que falaba da existencia dun lobo ibérico en cautividade, xunto con tres crías, nunha aldea da miña comarca, concretamente no concello de Quintela de Leirado.

Non incido nos detalles porque a historia xa está contada, pero si lembrarei que un veciño dese municipio tíñaos xunto con outros cans, pensando que era unha raza lobata, pero non de "canis lupus", como ó final o demostraron as analíticas practicadas polo servizo científico do Seprona, na man de quen están agora, ben coidados e custodiados para que o seu instinto natural non lle afecte a ningunha persoa.

Volvín mentalmente sobre esta noticia hoxe pola tarde -onte para vostede- cando cubría o paseo cotián que adoito dar co Quino -o meu silandeiro e algo desobediente, aínda, confidente- polas pistas e algúns camiños da parroquia, co fin de esparexer os osos e reordenar ó mesmo tempo os pensamentos.

E volvín sobre ela porque, cando os pasos nos levaban ó Quino e máis a min polo alto da Chaira, camiño de Campelo, de súpeto unhas pegadas inusualmente adimensionadas ó comparalas coas do Quino, que é un pastor alemán que aínda non chega ós tres anos, espertaron a miña atención.

Evidentemente non son especialista ningún en pegadas de animais, pero quixen maliciar en que aquelas debían teren pouco de can e algo máis de "canis lupus", máis cando nas inmediacións hai dúas explotacións vacunas extensivas onde, entre vacas e crías, é posibles que nestes intres se concentren máis de dúas centas cabezas.

É certo que poderían seren de mastín -que tamén os hai-, pero iso restaríalle enigma e atractivo ó sucedido, polo que quixen reafirmarme na teoría do lobo.

O que ven a seguir, seguro que o vai ler cun certo grao de excepticismo, pero voullo contar igual.

Cando ía polo medio da columna, recibín a chamada dun amigo que me quería poñer ó tanto dunha iniciativa que vai ter lugar proximamente en Montalegre. No transcurso do limiar da conversa, ó preguntarme se estaba ocupado díxenlle que andaba a voltas coa columna e que estaba escribindo sobre lobos.

"Pois, non me vas crer -contestoume-, pero aínda esta última semana estiven eu cunha muller que, cando era nena, foi mordida por un lobo. Por fortuna superouno, pero as dentalladas aínda as conserva no corpo e na memoria".

Xa ve, benquerido lector, son cousas de lobos, sempre envoltas en eventualidades e en misterios.

Te puede interesar