Opinión

Cultura, turismo e tomates

Había tempo que eramos moitos os que viñamos avogando pola creación dunha consellería propia destinada ó deseño, coordinación e desenvolvemento da política cultural de Galicia.

Ben chegada sexa, pois, a boa nova, logo de case unha década instalada nun segundo escalafón no marco de prioridades de xestión da Xunta de Galicia, xusto dende cando o actual alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a asumiu como propia ó recuperar Roberto Varela a carteira diplomática que abandonara temporalmente para facerlle fronte ó reto do Xacobeo, co que o goberno de Núñez Feijóo zopou tan pronto accedeu o despacho central de San Caetano.

¡Albricias!, que dirí o "repipi", porque unha persoa ó mesmo nivel de capacidade de xestión ca calquera outra do goberno galego, poida traballar en exclusiva no Plan director da Cultura -con letras maiúsculas- que Galicia desexa desenvolver na próxima década.

E felicidades por partida dobre, porque dunha santa vez a xestión do turismo pase a depender directamente da xestión cultural.

E digo isto porque, se na comunidade autónoma valenciana, nas Illas Baleares ou nas Illas Canarias ten razón de ser que o turismo, en Cantabria, en Navarra ou en Asturias, cae de caixón que teña unha íntima relación con Medio Ambiente, en Galicia, igual que en Castela-León, resulta obvio e evidente que todo o potencial turístico que pode ser xestionado ó longo de todo o ano -e non só en tres meses escasos de verán-, está intimamente relacionado co noso patrimonio cultural e, se me apuran, co natural e gastronómico.

Valaí porque eu, cada vez que teño estado nalgunha xornada de debate, algún encontro sectorial, algún seminario ou como se lle queira chamar, relacionado co turismo, non daba -e sigo sen entender- por quE a voz cantante a tiñan sempre lugares como Sanxenxo, Portonovo ou Baiona, mentres que outras localidades ou comarcas cheas de potencial turístico mirabamos para eles envexosos e caladiños coma os da procesión.

Ten realmente, sentido, basear a estratexia turística de Galicia nas nosas praias, por máis que sexan todas dotadas do engana bobos que supoñen as bandeiras azuis?

Sinceramente, eu creo que non. E creo que non porque ven a ser algo así como se un labrego conta cun monte comunal ó seu dispor cheo de madeira en fase de explotación e, deixa que arrase o lume cada tres ou catro veráns, mentres dedica o seu esforzo  a plantar tomates nos bacelos de arredor pretendendo vendelos polo miúdo nos mercados cando tódolos xubilados e labregos de fin de semana os reparten polas aldeas, coma churros nas verbenas, denantes de que as moscas acaben cos tomates e co labrador.

Te puede interesar