Opinión

Don Elixio: Entre o Limia e o Arnoia

Hai veces nas que por máis que un desexe cumprir coas súas obrigas persoais con xentes que forman parte do seu entorno vital e mesmo nalgún caso afectivo, todo acaba por confabularse para impedir que iso sexa así. E hai cousas que hai que facer ou lugares nos que hai que estar no momento oportuno ou logo xa non valen desculpas desas que chaman de mal pagador e que, afortunadamente, non é agora o meu caso.

Por causas domésticas que non veñen a conto, o pasado sábado non puiden, como era o meu desexo, traspasar o alto do Furriolo para achegarme ó Museo da Limia e sumarme ós moitos amigos e amigas que estou seguro que lle fixeron compaña a Don Elixio Rivas no acto de entrega dese recoñecemento de honra que leva o nome tan axeitado de Pedra Alta e que con tan bo criterio acaban de poñer a andar as xentes da cultura do lago Beón ou da lagoa de Antela.

Isto non obsta, sen embargo, para que trate de resarcir a miña ausencia e a oportunidade que, con ela, me privou de felicitar en persoa a Don Elixio, para que o faga agora dende aquí co mesmo afecto que o faría ó darlle un abrazo, porque dis que non hai mellor cousa no mundo ca ser recoñecido pola tribo propia e Don Elixio, por nación, por condición, por humildade, por coñecemento e por saber, forma parte indisoluble da tribo límica que agora o ten instalado xa entre os seus máis admirados druídas.

Serían moitos os recantos do saber a través dos que se podería trazar unha mirada diferente sobre Don Elixio. Recantos que con toda seguridade foron esculcados no acto do pasado sábado en Vilar de Santos e non me permitiría esta columna máis ca subscribilos en versión microtelegráfica.

De todos eles, pois, quixera destacar eu, dous. Por unha banda, a súa profunda sinxeleza humana, que aínda que semellen dous conceptos contradictorios, no seu caso son, alén de complementarios, potenciadores recíprocos. E pola outra, a súa humildade serea no saber. El, que seguro que non ten deixado un só libro por ler que teña que ver coa historia desta provincia e doutras moitas áreas do coñecemento da historia e doutras ciencias, cando se instala perante de un, por máis que guste de semellar un ninguén, coma un Balbino de aldea, sempre acaba deixando entrever algunha faísca de erudición que o recoloca de contado no lugar de preferencia no que lle toca estar coma -repito- un dos nosos principais druídas.

Non teño diante miña o seu vello traballo sobre a ruta monumental do Arnoia, como si teño, sen embargo, unha das súas últimas autopublicacións, "San Rosendo e a serra de San Mamede". Pois ben, con elas dúas de referencia, fago votos aquí para que os do Arnoia nos sumemos á "causa" limiá e, entre o seu libro e o de Xosé Benito Reza, deseñemos un roteiro cultural e natural que paradoxalmente, despois de tantos anos aínda está por comercializar turisticamente.

Te puede interesar