Opinión

Espantallos sonoros

Dende hai uns días teño vido escoitando o estourido continuado dunha especie de petardos, que proceden dalgún outro núcleo da miña parroquia que mesmo son quen de contemplar dende a azotea na que está situado o solar da miña casa, todo elo cara o solpor do val de Celanova.

Na aldea da que proceden houbo un tempo no que traballou a dinamita durante moitos anos, unha familia de fogueteiros que hai décadas xa que abandonou o oficio, do que quedan como testemuño silandeiro tan só unhas destelladas casetas de ladrillo camufladas por unha espesa carballeira, alá a carón do camiño vello da Casa da Neve.

Malia iso, non me cadraba a min que a alguén, de súpeto, lle acordara reiniciar tan perigoso proxecto profesional e se puxera a realizar probas nos días grises de auga fría polos que temos transitado. E moito máis cando aínda non desentullaron os recordos familiares de ducias de veciños do Concello de Tui, logo do desastre da parroquia de Paramos.

Descartada tal posibilidade pirotécnica, pensei se algúns cazadores da revolta andarían á procura de coellos e perdices, que estes días déixanse ver de cando en vez por pistas e camiños da parroquia.

Pero dubidei tamén de que a caza estivese aberta, polo que fun á fonte directa e pregunteille a un meu veciño que ademais de cazador é bo coñecedor dos costumes da labranza, interesándome a que se debían tales estrondos secos que arestora, cando escribo, se repiten cunha cadencia máis ou menos calculada de dous por cada minuto.

Fago un paréntese para poñelo en situación xeográfica dicíndolle que, en liña recta, o lugar de procedencia dos "disparos" debe estar afastado da miña casa algo máis de un quilómetro, polo que, nos meus oídos entran cun volume doadamente asumible.

Pois ben, feita a consulta o meu veciño informoume de que ó seu entender os espantallos sonoros debían proceder duns trebellos que disparan algo así como aire comprimido e que teñen como fin espantar ós xabaríns, ós corzos e a outros animais non benvidos polos meus veciños nos seus campos de millo.

Ó rematar de escribir irei á fonte da sabedoría completa, que e o google, para coñecer algo máis deles, pero agora, máis có funcionamento das súas "tripas" o que me interesa é saber se están ou non están permitidos, xa que logo, como dixen antes a min non é que me molesten. Ora ben, se no canto de ter a casa a un ou dous quilómetros da orixe dos estoupidos a tivera a carón da terra onde os trebellos están colocados, non sei se nestes intres tería vagar e paciencia para estar escribindo polo vieiro das palabras educadas e é moi posible que xa tería blasfemado para os meus adentros tantas veces como disparos levo escoitado no tempo que me levou escribir esta columna.

Te puede interesar