Opinión

O humor "gayego" do papa Francisco

Envoltos como están desa aureola purpúrea , reflexiva e transcendente, a miúdo resulta difícil imaxinalos nun entorno distendido, coma se todo o día tiveran que estar rezando polas almas dos demais e polas deles mesmos, nun estado de introspección entre o ceo e o inferno.

Así é como aparecen na liturxia e así é como dende a distancia pensamos inconscientemente que viven a cotío naquela impoñente burbulla universal e mediática, por máis que a lóxica e a razón nos digan que, coma homes que son, na súa vida cotiá senten e padecen exactamente os mesmos problemas ca nós, dende as penas ás alegrías, dende os pequenos e grandes praceres mundanos ás enfermidades e ás tristuras, dende os éxitos ós fracasos, en fin, dende o medo á morte -supoño- ata, por qué non, incluso, a veces tamén, seguro que o medo á vida.

Non é a primeira vez que teño a oportunidade de ver a tantos xuntos en cerimonia. Sen embargo, iso non obsta para que, cando se contempla esa estampa -sobre todo se a contempla de cerca, e máis se ten lugar na vaticana praza de San Pedro-, dubide ou non dubide, como dicía Curros, a mesma non leve a un a reflexionar sobre os principios nos que se asenta esa uniformidade secular que transcende ós estados tradicionais da organización social do ser humano.

Desculpe, benquerido lector, a digresión introductoria, pero vai feita a modo de contraste coa que nun intre me foi transmitida por un dos principais "inquilinos" daquela casa -ourensán da Limia, para máis señas-, que atende ó nome de José Rodríguez Carballo e, como arcebispo de Belcastro, rexe os destinos da comunidade franciscana no mundo.

É certo que o Papa Bertoglio xa ten dado mostras publicas abondo do seu humor arxentino. Algunhas, incluso polémicas e co polvo que levantaron xa pousado no chan, aí teñen quedado rexistradas nos diarios todos do mundo.

Pois ben, nese rexistro humorístico foi no que nos saudou o pasado domingo o ourensán Rodríguez Carballo, cando tivemos oportunidade de saudalo e compartir mesa e mantel, logo da canonización do celanovés Faustino Míguez, para facernos saber como o humor arxentino do Papa, ten presente ós "gayegos".

Humor que puxo en práctica cando o arcebispo da Limia lle fixo saber que un dos canonizados -é dicir, o escolapio Faustino Míguez- era da súa terra e Francisco lle recoñeceu "desconocer que los gayegos pudieran llegar a santos" ou cando o informou de que as gaitas que estaba escoitando dende os seus aposentos vaticanos, tamén procedían da súa terra de Ourense, ó que -en versión franciscana de Rodríguez Carballo- o apóstolo arxentino non tivo reparos lacónicos para espetarlle con retranca pampera con un "pues, para ser gayegos, no tocan nada mal la gaita".

Te puede interesar