Opinión

Incendios, negocios e portas abertas

Hai unhas semanas fíxenme unha pregunta retórica que trasladei a esta columna e que hoxe retomo porque, despois de ter pasado por riba da serra do Larouco a nube negra dun incendio e de ter escoitado e lido en diversas ocasións as declaracións e os lamentos da maioría dos políticos máis directamente afectados, é dicir, os alcaldes dos concellos asolados, reafírmome na miña teoría e insisto en que en canto non mudemos dunha vez por todas a nosa perspectiva, xamais lle poremos solución a esta lacra estival dos incendios.

"Por qué non arden os desertos?", cuestioneime daquela, tratando de aplicar algo ó que en matemáticas lle chaman reducción ó absurdo para demostrar a miña teoría de que só é susceptible de arder aquilo que non é valorado e ademais de ter as condicións para ser queimado é condenado colectivamente ó abandono.

Noutras palabras, un deserto non ten valor real como territorio aproveitable, pero non arde porque non se dan as condicións para que arda. Ora ben, un monte abandonado vive -porque aínda así vive- cada verán exactamente no mesmo esquecemento colectivo que o fan as esquecidas alimañas dun deserto, pero no seu caso ó albedrío de calquera circunstancia ocasional, calquera imprudencia ou ós intereses ocultos ou non ocultos de calquera desalmado para ser convertido en cinzas nunha calurosa e aventada noite.

Voulle poñer un exemplo, que seguro ha clarificar a miña insistencia de por qué creo que levamos anos -ben por desidia ou descoñecemento- equivocando o punto de mira sobre a grave problemática que supón para o noso pobo o asunto dos incendios forestais.

Imaxine que unha vila comercial calquera das moitas que existen na provincia -poño por caso a miña- ou un gran centro comercial dos que lle fan a competencia en calquera cidade, ben por falta de preocupación dos comerciantes ou por mero descoido ocasional dos seus responsables, acaban deixando polas noites os seus negocios coas portas abertas mentres marchan para as súas casas a descansar, cousa que aproveitan os amigos do alleo para entraren a roubar coa tranquilidade que lles dá teren toda a noite para facelo.

Imaxine este imposible, benquerido lector, e que ó día seguinte tódolos afectados saen en manifestación para esixir a detención dos ladróns por roubaren o que non lles corresponde?

Non pensaría vostede, entón, que, aínda sen obviar o delicto cometido polos ladróns, algo de responsabilidade no acontecido non terían tamén os comerciantes por teren deixado as portas abertas?

Pois iso. Ou é que arden os campos de Castela, cando, hai unhas semanas, dende Valladolid a Palencia poderían teren sido arrasados todos só con prender un misto?

Te puede interesar