Opinión

Lamento a discrepancia

Nantronte encontrei na vila ós propietarios dunha das vivendas máis seriamente ameazadas polo incendio que hai unhas semanas nos alarmou a todos polo preto que andaron as labaradas de varias granxas e mesmo dalgunha urbanización, dentro xa do casco urbano celanovés.

Non o volvera ver dende que, profundamente preocupado, malia a aparente tranquilidade que amosaba, apurado e coa roupa do traballo, se achegou ata o punto onde cortaba o tráfico a Garda Civil e lles dixo ós axentes que alí estaban, que el era o propietario daquela casa que estaba ó outro lado do lume e que quería achegarse alí para, polo menos, baixar as persianas e que o edificio non se lle enchera de fume.

Pregunteille se ó final houbera sorte e ningunha faísca inoportuna prendera na pequena finca que ten arredor e díxome que afortunadamente non. A seguir de aquí, loxicamente, a conversa derivou arredor de quen sería o desalmado que plantou o lume a plena luz do día, nas primeiras horas da tarde, xa que logo, o lume comezou a menos dun cento de metros da súa casa.

"A Garda Civil preguntoume se sospeitaba de alguén que puidera ver polas inmediacións -díxome-, ó que lles contestei que foi mellor que non, porque se o chego a ver métoo no lume".

Evidentemente, o que acabo de escribir hai que lelo no plano ou no contexto coloquial dunha conversa entre veciños, por máis que ó lelo aquí, negro sobre branco en pública comunicación, a literalidade da expresión poida facer pensar noutra cousa ben diferente.

Pois ben, traio a colación esta anécdota, porque me resulta ilustrativa, ó fío das declaracións formuladas tamén nantronte polo presidente da Xunta no sentido de que, se cadra, había que reflexionar arredor dos incendiarios co fin de asimilalos penalmente ós terroristas.

Supoño eu que, cando o afirma -máis aínda cando o fixo dentro do contexto formal dunha rolda de prensa posterior a un Consello de Goberno-, as súas palabras non son froito dunha resposta irreflexiva a unha pregunta dun xornalista ou dunha conversa intranscendente e coloquial como a que mantiven eu co meu veciño, senón producto dunhas conclusións elaboradas colectivamente por técnicos perfectamente autorizados e cualificados para extraer esas e outras moitas conclusións, logo de décadas de loita contra o lume.

Por iso lamento a discrepancia. Porque mentres o meu veciño non fixo máis ca soltar en forma de –digamos- esputo os ecos da desesperación vivida ó ver o lume por riba do seu tellado, o presidente sabe moito mellor ca min que esoutra que el propón non é, nin moito menos, a solución que acabará coa lacra dos incendios forestais nesta castigada terra de interior.

Te puede interesar