Opinión

Logano, o contorsionista do Madison

Luis “Logano” en 1954, en plena actuación no Madison Square Garden.
photo_camera Luis “Logano” en 1954, en plena actuación no Madison Square Garden.
Se un le as crónicas dos anos 50 que o presentan como “o máis grande acróbata aéreo do mundo”, podería pensar nun
artista italiano, ruso ou americano. Sen embargo o “gran Logano” non era outro ca Luis Lorenzo, un mozo saído de Alongos

“...Sus contorsiones, a cuarenta metros de altura, dejaran asombrados a los espectadores... ¡Señoras y señores, con ustedes: el gran Logano! Velaí as palabras que unha tarde calquera de 1954 pronunciou o animador do circo Ringling Bross de Nueva York -na  ista do Madison Square Garden e perante 16 mil espectadores- co fin de introducir “en la Meca de los artistas circenses” a aquel mozo  ourensán que aprendera a dobrar o corpo con posturas imposibles brincando cos amigos de Alongos á beira do río MIño.

Como chega un mozo de aldea a converterse nunha das principais figuras do circo máis importante do mundo e durante tres anos percorrer, como cabeza de cartel da troupe, os Estados Unidos, Canadá e Cuba?

Iso é algo que non sería doado de entender sen a maxia propia do circo e mesmo me atrevería a dicir que sen a maxia que teñen sido capaces de facer coas súas vidas, infinidade de ourensáns ó longo do tempo e ó largo do mundo.

Luis Lorenzo González non era máis ca un neno que lle axudaba ós pais a traballar as terras videiras de Alongos (Toén) e, cando o tempo de labranza o ceibaba, a partir dos 14 anos, aprender a tocar a trompa seguindo a xeira da tradición musical que dende sempre alimentaron os máis vellos do lugar.

Un neno que, coma o resto da veciñanza aproveitaba as horas ociosas e quenturentas do verán para ir gozar das frescas augas do Miño e divertirse a cachón, aínda que no seu caso, non só divertíndose el, senón divertindo ós demais, ensinándolles as “cousas” incribles que sen truco nin cartón era capaz de facer co seu corpo “de papel”.

Tocar a cabeza cos dedos grosos dos pée, facer o sinal da cruz con eles, desdobrar os brazos coma se non tivese osos..., o caso é que todos, agás a súa nai, lle dicían que tiña que sacarlle partido a aquelas habilidades innatas.

Chegou, entón, o día no que tivo oportunidade de asistir a unha funcion do circo en Ourense. Andaba xa polos 17 anos e cando viu as evolucions do contorsionista comprobou que todo o que fixera o artista na carpa podía repetilo el sen complicación ningunha.

E pouco despois chegou a “mili”, que lle tocou facer en Lugo, onde os seus compañeiros de “Zapadores Nº 8” foron testemuñas continuas das súas evolucións, polo que lle recomendaron que, unha vez se licenciase, viaxara de contado a Valencia onde seica había varias academias circenses.

Foi dito e feito. Alí coñeceu a Salvador Hervás, o seu gran valedor e propietario do Circo Hervás, tamén chamado nalgún momento Circo de México, e -non sen antes ter pasado por unha dura sesión de adestramento e prepración de números posibles, de catro meses e sete horas diarias- con el comezou unha xira en Calatayud que o acabaría traendo a Ourense no mes de xuño de 1951, xa como artista de referencia, non en van no anuncio inserido neste mesmo xornal o 17 indícase que o día da despedida da compañía da cidade tería lugar unha homenaxe “al acróbata de Alongos, Luís Lorenzo, al cual le será impuesta la medalla del artista”.

E do circo Hervás ó Circo Atlas, propiedade dos coñecidos pallasos “Hermanos Tonetti”, cos que percorre media España axustando a maleabilidade do corpo e cada un dos seus movementos imposibles baixo o principio fundamental circense do “más difícil todavía”, especializándose así na evolución deses números de contorsionismo, pero subido nun trapecio a máis dunha ducia de metros de altura e suxeito ó columpio unicamente coa boca mordendo unha correa.

Ese número conseguino ver en Córdoba Francisco Perezoff, o representante para España do “Ringling Bross. and Barnum & Bailey Circus”, que acababa de servir de escenario monumental para a oscarizada película “El mayor espectáculo del Mundo”, con James Stewart e Charlton Heston e outras estrelas de Holliwood, e sen máis dilación ofreceulle un suntuoso contrato para incorporarse ó elenco artístico dunha compañía que estaba formada en total por máis de 1.500 traballadores.

Tres anos que lle outorgan o calificativo de “el gran Logano” -porque o nome debía ser americanizado- e nos que estivo a piques de perder a vida se unha das súas actuacións en Nueva Orleans durara tan só un minuto máis do que durou, posto que un ciclón destrozou a carpa nada máis rematar el o número, non a 40 metros como esaxerou o cronista de La Hoja del Lunes, pero si a máis dunha ducia de metros de altura.

Tres anos incribles que, non só lle proporcionaron uns bos emolumentos en dólares que lle deron para construir un edificio de cinco plantas na Coruña ós 36 anos, senón que lle habían de servir de aval para percorrer tódolos rincóns de España, gran parte de Portugal, Francia ou Italia co marchamo de “el contorsionista que triunfó en los Estados Unidos de América”.

Unha muller trapecista, unha xubilación os 69 anos e un fillo que continuou a súa xeira

José Luís tamén foi contorsionista e isabel “Miss Ceres” co traxe de trapecista.

Se falamos de circo en Ourense, é evidente que a palabra vese magneticamente arrastrada cara dous apelidos: o Feijóo de Secundino e o Silva do cura creador de Benposta.

Sen embargo, entre Alongos e Barbantes xerouse tamén un fluxo circense merecente de formar parte da historia do circo de Ourense, dado que, se de Alongos era Luis Lorenzo, de Barbantes é natural -porque aínda vive- Isabel Bello, unha fermosa filla do alcalde de Cenlle que a partir de 1952 decidiu seguir cegamente os pasos do contorsionista, ata converterse na fermosa trapecista “Miss Ceres”, que viaxou con el a América e mesmo foi branco involuntario da mirada lasciva de Charlton Heston.

Finalizado o contrato co prestixioso circo americano, Luis e Isabel -Logano e Miss Ceres- decidiron volver a Ourense co fin de que o seu fillo José Luís -que quedara cos avós en Barbantes- crecera con eles -logo terían un segundo, Óscar- e non repetir ningunha aventura ó outro lado do Atlántico, pois o prestixio gañado concedeulle o privilexio de poder escoller o circo co que facer cada unha das xiras.

Así, despois de 1957, ademais de no Circo Kron, tamén tivo oportunidade de realizar xiras coa compañía máis importante de Portugal, o “Circo Mariano”; de colaborar uns meses co Price -de Manuel Feijóo e do seu cuñado Arturo Castilla; de probar en Paris co Circo Medrano e ser agasallado cunha peza propia para o seu espectáculo polo compositor francés, Bernard Hilda; de actuar no alemán Circo Roncally e de introducir ó seu fillo José Luís na arte do contorsionismo, compartindo con el números acrobáticos tamén en formato de cabaret. Iniciativas todas elas que lle concederon méritos suficientes para ser recoñecido en 1963 coas 10 mil pesetas do Premio Nacional de Circo e para seguir alimentando unha carreira que só remataría en 1995 no portugués Circo de Soledad Cardenalli, cando contaba con 69 anos, “porque a miña nai díxolle que, se non se xubilaba, separábase del”, a dicir dun José Luís, quen, sen dúbida, dá para outra historia.

Aínda que pareza tan incrible coma a súa historia, Luis faleceu hai tan só dous anos, levando con el ó silencio a pena de no ter conseguido unha foto con Marilyn.

Te puede interesar