Opinión

Nunca lle chamarei carcamán a un vello

Nunca lle chamarei carcamán a un vello. Entre outras cousas, porque meu pai vai camiños dos 85 e miña nai celebrará este mesmo mes os 81. Suficientes razóns, penso, para non meter a ninguén nun saco de toxos no que non me gustaría que meteran ós meus. E, sobre todo, porque aniño a esperanza de poder chegar eu alá algún día e entón tamén me sentiría doído se alguén se referise con tal desprezo cara min.

Nunca, pois, me oirá ninguén, nin tampouco terá ocasión de lerme xamais, unha descualificación de semellante condición referíndome a unha persoa maior. Pois, para máis "inri", son dos que penso que volve ser tempo de reivindicar a sabedoría atesourada por vidas vividas, esas que non se aprenden nos libros nin se encontran no "san google", nin noutras páxinas ou portais de internet, porque están esculpidas a mazo e cicel, sen planos nin bocetos nin nada que se lle pareza ó seu redor.

Vaia, entón, por diante que xamais mentarei sequera ese apelativo, ou outro semellante, co fin de desmerecer con el a Xosé Manuel Beiras. E digo incluso máis, tampouco ninguén lerá nas miñas liñas ningunha usurpación do dereito que por esa condición de contar xa cunha idade avanzada (pasado mañá entrará de cheo nas oito décadas), mantén de poder presentarse como candidato á presidencia da Xunta de Galicia nas eleccións do próximo outono con, como digo, 80 anos cumpridos.

Agora ben, se ó final se cumpre a posibilidade que el mesmo deixou aberta esta fin de semana, de que a súa figura poida acabar sendo o "boson de higgs" -ou, en termos máis coloquiais, a argamasa- que conglomere a diversidade de forzas que conflúen nas Mareas para podérense presentar de forma conxunta ás eleccións, entón si que resulta obrigado opinar sobre a súa decisión.

E non porque sexa vello -repito-, senón porque a nada que un consulte a hemeroteca -que isto si que o ofrece gratuitamente o "san google" con só premer o botón do rato, é moi doado rememorar antigos apelativos del dirixidos a Fraga Iribarne pretendendo inhabilitalo -por unha mera cuestión de idade- para presentarse ás últimas eleccións nas que o fundador do PP acabou por non ser quen de revalidar a súa maioría.

Por iso creo que se ó final decide dar o paso adiante, porque ó seu ver "a veces hai epílogos que son moi longos", e encabezar a candidatura das Mareas e Podemos e así poder asaltar o ceo da Xunta, entón habería que dicirlle dun xeito educado e sen aspaventos, que a moitos dános a sensación de que quen está completamente inhabilitado para formalizar tal candidatura é el. E non por vello, senón por incoherente, que é máis inhabilitante cá vellez.

Te puede interesar