Opinión

Pobos bonitos

Que precisamos saír fóra da nosa zona de confort para vermos o que acontece polo mundo e situarnos na nosa propia dimensión nel, sen moitos complexos, pero sobre todo con moita decisión, conscientes de que ó seu través temos moito que aprender e moi pouco que perder, máis ca un axioma, hoxe en día resulta case unha obviedade por non dicir unha perogrullada, que é unha palabra que -que eu saiba- non existe en galego.

Acabo de ler que a vila medieval de Castro Caldelas ven de se sumar, xunto á vila de Mondoñedo, á rede turística dos "Pobos máis bonitos de España", rede na que se atopan aqueles lugares que pasan por seren o paradigma do turismo rural peninsular, poñamos por caso, Santillana del Mar, Lastres, La Alberca, Pedraza, Medinacelli ou a Villanueva de los Infantes das terras do Quijote.

Acabo de ler isto e, por máis que sei que isto non é ningún recoñecemento institucional, nin existen méritos valorados por terceiros, senón o firme compromiso de goberno do lugar para pasar a tecer a rede, logo de ter demostrado que abranguen unha serie de parámetros patrimoniais, sociais e turísticos necesarios para seren admitidos... Repito, unha vez coñecida a nova non podo menos que felicitar publicamente á inqueda alcaldesa caldelá, Inés Veiga, por ter tomado a decisión e constituírse na primeira localidade ourensá e -con Modoñedo-, na primeira galega, que se suma a esa rede que procura estandarizar un turismo singular e, sumando sinerxías, ofrecerse como alternativa ó turismo urbano, coa base dun turismo cultural que, teño repetido moitas veces, en Galicia atópase completamente en pañais, por máis que nos consideremos o bandeirín de enganche do turismo cultural internacional porque entre nós contamos coa cidade de Santiago de Compostela.

Galicia en xeral e Ourense en particular, precisan andar aínda moito camiño mental, tanto institucional coma comercial, para poder presumir de que conta con lugares concretos que viven do turismo cultural. E isto é por que pensamos que só con poñer as pedras, os xacementos e os espazos á vista, colocármoslles a carón unha ruta de sendeirismo e darlle á veciña da casa parroquial a chave da igrexa por se ven alguén que desexa contemplar o altar maior, xa imos encher de turistas a terra.

Ilusos de nós, que aínda non demos aprendido que xamais haberá turismo cultural nin desenvolvemento local en canto non sexamos quen de transformar as pedras e todo o demais en experiencias turísticas e o comercio que aniña ó seu arredor en economía turística. De aí que sexa loable o paso dado agora por Castro Caldelas, porque é un xeito de amosarlle ó resto, o camiño.

Te puede interesar