Opinión

Raíña por un día

Hai uns meses, penso que a mediados do primeiro do ano, unha tarde chamoume Maribel Outeiriño porque precisaba contactar cunha veciña de Celanova co fin de recoller as súas opinións -ou, mellor dito, as súas lembranzas- para esa sección que ningún lector medianamente interesado polo noso pasado colectivo deixa de ollar ningún día, aínda que sexa coa mirada revirada, porque sempre consegue "cazar" algunha saudade dos tempos idos, propios ou veciños, que axudan a alimentar a nosa alma doutyrora, sobre todo cando ese pasado non é só unha folla de hemeroteca, senón un vivencia instalada na nube das lembranzas persoais.

Como adoito facer cada vez Maribel precisa de min, chameina e acabeina visitando na súa céntrica casa, á que por certo acudín tantas veces para procurar algunha fotografía, algún legaxo case medieval, algún foro ou algún recorte dalgunha revista ou dalgún xornal que custodiaba con tino porque formaban parte da súa historia familiar.

Concretamente, o que Maribel precisaba eran unhas fotografías de hai 50 anos, porque o episodio que a "Historia en 4 tempos" quería traer de novo á actualidade acontecera había precisamente 50 anos, é dicir, o 5 de febreiro de 1965.

Daquela, unha moza certamente fermosa, de 35 anos de idade, moderna e decidida, decidira viaxar a Madrid para participar nun programa de televisión de máxima audiencia, cando aínda non se sabía o que era o "share", pero si o arremuíñamento familiar ou veciñal arredor dos poucos receptores de televisión que surtían as casas de menos de media España.

Andivemos os dous remexendo nun feixe de caixas que gardaba nun dos armarios da casa, pero non demos coas fotos que Maribel precisaba, polo que, na súa sección do día tan só puido reproducir a información que este mesmo xornal, pero do 5 de febreiro de 1965, recolleu naquel momento e que dicía: "La señorita orensana Eugenia Meleiro Reza proclamada "reina por un día" en el popular programa de Televisión Española, cuya emisión es aguardada con impaciencia en nuestra provincia". Non houbo apoio gráfico, pero si unhas declaracións da propia Eugenia -Genita, para todos nós- que dicían: "Yo tenía treinta y poco años y lo único que quería era pasarlo bien y conocer a los presentadores, Mario Cabré y José Luís Barcelona, por eso escribí para participar".

Falei varias veces con ela daquel episodio, pero nunca intuín que falara del como unha rémora causante da súa solteiría vital. Nantronte unha pequena esquela lembrounos ós celanovenses a súa sorpresiva marcha, malia súa idade actual. Hoxe eu quero lembrala de novo, porque algúns de Celanova levamos a gala que tivemos a oportunidade de contarmos cunha raíña propia. Aínda que só fose por un día.

Te puede interesar